O PP teima en enviar o PXOM dos promotores ao BOP sen levalo antes ao Pleno

O PP teima en enviar o PXOM dos promotores ao BOP sen levalo antes ao Pleno

A Coruña, 2 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira teima en enviar o Plan Xeral dos grandes promotores ao Boletín Oficial da Provincia (BOP) sen o levar antes ao Pleno. E isto, malia saber que o Pleno da Corporación é o único órgano competente para a aprobación do documento refundido do PXOM que inclúa os cambios e modificacións sinaladas na Orde do 25 de febreiro de 2013 da Xunta de Galiza. Así, as nacionalistas advirten de que, por motivos de seguridade xurídica, antes de enviar ao BOP o documento, o Goberno municipal ten que levalo a unha sesión plenaria.

A aprobación definitiva do PXOM estaba condicionada a realizar cambios, tal e como xa advertira o Grupo Municipal do BNG. Así, na orde do 25 de febreiro de 2013, a Xunta de Galiza recolle "outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello da Coruña, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, condicionado á introdución das modificacións contidas no punto II desta orde" e tamén advirte de que "cómpre achegar un documento refundido que introduza eses cambios". Estas modificacións foron remitidas polo Goberno municipal á Xunta de Galiza para que o Goberno galego dese o seu visto bo; porén, o Goberno municipal fíxoo omitindo unha cuestión trascendental: eses cambios tiñan que ir, de novo ao Pleno, expoñen as nacionalistas.

Por último, o Grupo Municipal do BNG informa de que, contrariamente ao sinalado polo Goberno do Sr. Negreira, o PXOM entra en vigor aos 15 días da súa publicación no BOP, e non ao día seguinte. En relación á publicación no BOP, as nacionalistas salientan que pasaron xa máis de 4 meses desde a publicación da Orde da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (COMATI) da Xunta de Galiza, sobre a aprobación definitiva e condicionada do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Coruña. Vinculan este atraso na publicación do PXOM no BOP cos cambios de fondo aos que a Xunta de Galiza condicionou a aprobación definitiva do plan.

O PP teima en enviar o PXOM dos promotores ao BOP sen levalo antes ao Pleno