AVALIACIÓN DE URXENCIA

En plena pandemia, os orzamentos da Xunta continúan a virarlle as costas á cidade

Mercedes Queixas na Marcha Cívica Casa Cornide. 7 de novembro de 2020.
Mercedes Queixas, en María Pita
Nunha primeira avaliación de urxencia dos orzamentos da Xunta para 2021 en relación á nosa cidade e comarca, que obviamente completaremos cunha lectura máis demorada do proxecto, o Bloque Nacionalista Galego entende que as contas da Administración galega son francamente insuficientes e non están á altura do desafío que supón a pandemia en termos quer sanitarios quer sociais quer económicos.
En plena pandemia, os orzamentos da Xunta continúan a virarlle as costas á cidade

“Que nos ensinou a pandemia? Que temos que reforzar o ensino e a sanidade públicas. Nada diso vemos nestes orzamentos nunha primeira lectura de urxencia. Canto ao ensino, apenas dúas partidas específicas –o CEIP Novo Mesoiro e o instituto Eusebio da Garda-. Canto á sanidade, non vemos por ningures o reforzo necesario da atención primaria, clave para frear a pandemia”, considera a deputada nacionalista Mercedes Queixas.

Nunha primeira análise, brillan tamén pola súa ausencia, remarca Queixas, partidas para compensar as mariscadoras que se verán obrigadas a cesar a súa actividade extractiva por mor da dragaxe da Ría do Burgo, como tamén se fai evidente a nula aposta pola vivenda pública, salvo unha partida para Xuxán que en parte se esgotará no pagamento das cotas de urbanización á que a Xunta está obrigada pola súa condición de titular de solo nunha obra que xa acumula un considerábel retraso. De resto, boa proba da falta de disposición do Goberno Galego para activar políticas que garantan o dereito á vivenda témolo no feito de que se volve orzamentar 1 millón de euros para o programa Rexurbe, unha partida que ficou sen executar das contas anteriores e que pon de relevo até que punto a Xunta non acredita na política de rehabilitación de vivendas.

“Que nos ensinou a pandemia? Que temos que reforzar o ensino e a sanidade públicas. Nada diso vemos nestes orzamentos nunha primeira lectura de urxencia", di Mercedes Queixas

O proxecto de orzamentos tampouco presta a atención que merece nin ás escolas infantís nin ao comercio, sector duramente castigado pola pandemia, nin á cultura. “É certo que hai unha achega para a Orquestra Sinfónica de Galiza, por certo inferior á débeda que ten o Goberno Galego con ela. Mais que apoio reciben o resto de creadores e creadoras? Non hai apoio ningún para unha cidade que reúne todas as condicións para ser unha das grandes capitais culturais da Galiza”, afirma Queixas.

Atravesamos unha emerxencia sanitaria e socio-económica e as contas non responden ás necesidades dunha crise sen precedentes. “Son orzamentos rutineiros, sen ambición. O aumento das dotacións a respecto do presente exercicio está claramente por debaixo do que a cidade e a comarca precisan, considerando, ademais, que o punto de partida, as contas do ano pasado, era francamente raquítico”, argúe Queixas.

“Os orzamentos son basicamente unha colección de partidas non executadas de pasados exercicios co engadido dun crédito de 19,3 millóns de euros para o CHUAC. Esta partida véndesenos como un investimento para o novo hospital, mais na realidade trátase de fondos para completar o plano director do CHUAC de 2001. Ou sexa, non é diñeiro para o novo CHUAC, é diñeiro para o vello CHUAC”, avalía a parlamentar nacionalista. “Falamos dunha obra planificada en 2001 e que 20 anos despois non está concluída. E esa fase final do plano director aínda ten un prazo de execución de 18 meses”, di.

O BNG constata, pois, que o novo CHUAC -e tamén a presión da Xunta a urxir o Goberno Local a sinatura dun convenio coa apelación permanente á pandemia (cando evidentemente o novo hospital demorará moitos anos en ser unha realidade)- responde a un reclamo electoral. Estas proclamas contrastan cuns orzamentos nos que baixan en termos porcentuais os recursos destinados á sanidade e ao ensino (algo inaceptábel no actual contexto) que se traducen na Coruña nunha clara desatención ás necesidades de reforzo na atención primaria.

"A partida de 19,3 millóns véndesenos como un investimento para o novo hospital, mais na realidade trátase de fondos para completar o plano director do CHUAC de 2001. Ou sexa, non é diñeiro para o novo CHUAC, é diñeiro para o vello CHUAC”

A mesma lentitude que se verifica na materialización do plan director do CHUAC vémola na construción do polígono de Morás, para o cal se orzamentan 13,8 millóns de euros. Este proxecto arrancou en 2007 e a súa conclusión planifícaa a Xunta para 2023. “16 anos é unha eternidade. A demostración de até que punto o Goberno galego non atende os seus deberes e carece dunha política industrial merecente de tal nome”, afirma Queixas.

Tal e como acontecera nos orzamentos 2020, o PP vólvese gabar dun investimento de 15 millóns de euros na residencia de maiores de Eirís. Mais esa é unha partida repetida. Unha partida que non se executou este ano e que agora o PP volve utilizar para engordar as cifras. Un diñeiro que, ademais, non o pon a administración pública, senón un axente privado, a Fundación Amancio Ortega.

“En definitiva, estes orzamentos deixan ver que nin sequera en plena pandemia a Xunta é quen de modificar a súa tradicional política de desatención das necesidades máis perentorias da cidade e da comarca”, conclúe Queixas.

En plena pandemia, os orzamentos da Xunta continúan a virarlle as costas á cidade