O persoal técnico de Servizos Sociais alerta do deterioramento da calidade polos cambios do PP

O persoal técnico de Servizos Sociais alerta do deterioramento da calidade polos cambios do PP

A Coruña, 14 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de ter acceso a un informe técnico elaborado por persoal da Concellaría de Servizos Sociais en que se advirte do deterioramento das prestacións dados os cambios acometidos polo Goberno do Sr. Negreira nos centros cívicos, un deterioramento do que xa alertara o BNG. No citado informe ocolectivo de traballadoras sociais e de educadoras fai unha valoración moi negativa da actual situación, derivada polo desmantelamento dos servizos sociais comunitarios nos centros cívicos. De feito, o documento advirte de que "as directrices técnicas veñen determinadas por diferentes figuras de coordinación, provocando en ocasións disfuncións que causan nas educadoras sociais conflito técnico".

A concelleira nacionalista María Xosé Bravo sinala que o informe pon en evidencia que os cambios do PP tanto no Concello como no Estado sobre os horarios e organización vai supor "un incremento notábel da tramitación de expedientes administrativos, o que supón un incumprimento constante dos tempos legalmente estabelecidos". "A actual organización de traballo en programas como o SIVO (Programa do Servizo de Información, Valoración e Orientación), deseñado sen ter en conta o criterio dos técnicos, está a provocar un efecto embude no que se consegue ter un número elevado de entrevistas, pero pola contra os expedientes que se derivan de cada unha delas acumúlanse nas gabetas, co prexuízo que isto supón tanto para persoas usuarias como para os propios profesionais no exercicio responsábel das súas funcións", expón o informe.

María Xosé Bravo salienta que no citado documento as traballadoras sociais amósanse moi críticas co sistema de centralización acometido polo Goberno do Sr. Negreira, unha centralización que, como denunciara o BNG, provoca unha demora na resolución dos expedientes. "Consideramos que o novo sistema de centralización e especialmente a organización do traballo diario do programa de SIVO (programación de 31 entrevistas semanais) é incompatíbel coa realización do trámite de xeito áxil, valorándose que se estabelece un sistema de embude que si permite unha atención máis rápida pero que ocasiona unha grande acumulación de trámite e demora dese trámite", recolle o persoal neste informe.

Os técnicos advirten da "imposibilidade de realizar a nosa responsabilidade profesional por directrices externas e impostas"

A concelleira do BNG alerta de que os propios profesionais aluden á imposibilidade de exercer o seu traballo con eficacia debido ás medidas que lles vén impoñendo o Goberno do Sr. Negreira. "Dada a imposibilidade de realizar a nosa responsabilidade profesional por directrices externas e impostas valoramos a necesidade de trasladar este grave inconveniente no noso quefacer profesional", sinalan as traballadoras.

Na mesma liña, o persoal indica neste informe que a centralización dos Servizos Sociais impide a coordinación con outros profesionais, "ao centralizar as traballadoras sociais e romper os equipos interdisciplinares perdemos tempo de trámite, atención, xestión e programación"... a "nova organización supón tamén unhas grandes dificultades de coordinación con outros profesionais cos que habitualmente traballamos e que teñen horario de mañá". Ademais, advirten de que o feito de ter que desprazármonos para nos reunir fai que perdamos tempo de trámite, atención, xestión, programación..."

A concelleira do BNG salienta do informe que as "co traslado das traballadoras sociais ás unidades de atención social os expedientes tamén se trasladaron e as aplicacións informáticas aínda non están o suficientemente actualizadas como para permitir o acceso aos distintos profesionais, polo que se perde unha información moi valiosa".

O Goberno municipal incumpre a conciliación familiar do persoal e mais a lexislación en materia de servizos sociais

Ademais de aludir o informe á "denegación recente por parte da Concellaría dalgunhas peticións de conciliación familiar, alegando necesidades do servizo e a presenza a quendas de persoal de servizos sociais en horario de tarde", María Xosé Bravo denuncia que o Goberno municipal incumpre o decreto 99/2012 de 16 de marzo polo que se regulan os Servizos Sociais Comunitarios. Tal e como recolle o citado documento, o artigo 4 do decreto sinala que "as persoas usuarias terán dereito a ter asignada unha persoa profesional de referencia..." e hoxe en día, dado o desmantelamento acometido polo Goberno do Sr. Negreira, nos servizos sociais da Coruña non hai profesional de referencia.

O persoal técnico de Servizos Sociais alerta do deterioramento da calidade polos cambios do PP