Que pasa co convenio asinado coa Federación Galega de Fútbol?

Que pasa co convenio asinado coa Federación Galega de Fútbol?

A Coruña, 20 de agosto de 2015.- O Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña empraza o Goberno municipal a que demande da Federación Galega de Fútbol o cumprimento dos compromisos recollidos no convenio asinado co Concello da Coruña o 4 de xullo de 2012.

O BNG empraza ao Goberno municipal a que demande da Federación Galega de Fútbol que cumpra coas obrigas recollidas no convenio

No seu momento no Bloque amosáramonos moi críticos con este convenio asinado polo anterior Goberno municipal coa Federación Galega de Fútbol. Para o BNG, o acordo supoñía un agasallo do Goberno a esta entidade deportiva porque lle cedía unhas parcelas municipais durante 75 anos para que o ente construírse un edificio administrativo -onde estabelecería a súa sede- e mais dous campos de fútbol. Ademais, malia non seren os campos de fútbol de uso exclusivo do Concello, o convenio recollía que os gastos de mantemento terían que ser soportados polas arcas municipais e non pola Federación.

O Goberno debe solicitarlle á Federación que aclare se ten pensado ou non cumprir cos seus compromisos

Alén disto, desde o BNG da Coruña lembramos que o Goberno anterior aprobou uns pregos que regulaban a concesión demanial gratuíta da parcela a favor da Federación Galega de Fútbol para a construción das súas oficinas administrativas e sede institucional.

Nestes pregos, recóllese especificamente que son obrigas do concesionario, entre outras, “destinar a parcela obxecto da concesión á construción e implantación das oficinas administrativas e sede institucional da Federación Galega de Fútbol (…)”. Tamén recolle que serán motivo da finalización da concesión “o incumprimento das condicións e obrigas impostas ao concesionario no presente prego” e “a dedicación de parte ou totalidade da parcela a usos distintos dos especificamente sinalados neste prego”.

É por isto, que o Grupo Municipal do BNG propón que, no caso de que a Federación Galega de Fútbol non cumpra coas obrigas recollidas no convenio, a parcela revirta no Concello da Coruña.

Desde o BNG propoñemos que, de non cumprir a Federación Galega de Fútbol coas condicións ás que se comprometeu no convenio, os terreos revirtan no Concello da Coruña

Por último, o BNG sinala que esta reversión non tería custo ningún para o Concello pois os pregos da concesión demanial recollen que o concesionario non tería dereito a ningunha indemnización.

Que pasa co convenio asinado coa Federación Galega de Fútbol?