O orzamento de Servizos Sociais crece só un 3,7%, mentres que o de Urbanismo medra un 23,5%

O orzamento de Servizos Sociais crece só un 3,7%, mentres que o de Urbanismo medra un 23,5%

A Coruña, 6 novembro de 2014- Segundo os datos transmitidos esta mañá polo Goberno local á prensa, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o orzamento municipal da Concellaría de Servizos Sociais para 2015 tan só suba un 3,7% respecto das contas do ano pasado, cando Concellarías como a de Urbanismo experimentan unha espectacular suba dun 23,5%. Neste sentido, o BNG critica que a prioridade dos orzamentos do PP para 2015 sexan os 10,59 millóns que vai dilapidar na Mariña e non os servizos sociais públicos. De feito, de compararmos as partidas, o gasto de 10,59 millóns da obra da Mariña representa o 66% do total de orzamentos da Concellaría de Servizos Sociais, que ascende este ano a 16,15 millóns.

Así, o Grupo Municipal do BNG desmonta a propaganda lanzada polo Goberno do Sr. Negreira que, máis un ano, lle mente a toda a veciñanza con frases como que A Coruña é a cidade “más solidaria” de Galiza. Solidaria con quen?, pregúntanse as nacionalistas, co que máis ten? Coa Xunta de Galiza, á que Servizos Sociais lle transferiu este ano 315.864 euros?, coa Deputación, en virtude do convenio para o mantemento do “Fogar infantil Emilio Romay”? Coa Fundación da Banca, á que lle deu 330.000 euros para traballar na erradicación do chabolismo –un eido no que esta entidade non tiña ningunha experiencia- ou coa Fundación María José Jove, que recibe continuamente cartos municipais? As nacionalistas tamén se preguntan se é que o Goberno local vai recuperar as axudas para proxectos de cooperación no exterior, tendo en conta que o ano pasado deixou a cero este convenio.

No canto de destinar 900.000 euros en emerxencia social, o Goberno local só destina 750.000 euros

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno local fale de que triplicaron o investimento en emerxencia social cando, en 2011, a axuda de emerxencia social ascendera a 300.000 euros e cando en 2014, en plena crise, esta partida quedara conxelada. De triplicar esta cantidade, como repite unha e outra vez o Goberno local, a partida sería de 900.000 euros e non de 750.000.

Ademais, no que respecta á axuda a domicilio, o Bloque advirte de que, anualmente, só se aumentou un 3% e, pola contra, os cartos que dá a Xunta de Galiza para a axuda a domicilio sufriron unha constante caída nos últimos anos, pasando dos 1.092.397 euros de 2010 aos 569.834 euros do 2013 (último ano do que se teñen datos).

Por último, e a falta de coñecer o proxecto de orzamentos municipais para os poder analizar con profundidade, as nacionalistas tamén reparan na partida de actividades sociais que, supostamente, vai aumentar. O BNG espera que o incremento sexa suficiente tendo en conta as longas listaxes de agarda que houbo en 19 dos 20 centros cívicos que hai na cidade. Só este ano no centro cívico de Monte Alto houbo unha lista de agarda de 1.221 persoas.

O orzamento de Servizos Sociais crece só un 3,7%, mentres que o de Urbanismo medra un 23,5%