As ordenanzas fiscais non contarán co apoio do BNG

As ordenanzas fiscais non contarán co apoio do BNG

A Coruña, 4 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG, logo de poder acceder por primeira vez esta mañá á documentación completa que se levou á reunión da Xunta de Goberno local celebrada hoxe ás dez con escasas dúas horas de antelación para poder preparala, trasladoulle ao Goberno municipal o seu malestar pola convocatoria precipitada e improvisada desta e abandonou nese momento a reunión.

O BNG salienta que o Goberno municipal desatendeu a maioría das propostas que lles achegou para as ordenanzas fiscais encamiñadas a acadar unha maior equidade e xustiza fiscal

“Non nos parece xeito de proceder ante un dos temas máis importantes do ano -xunto cos orzamentos municipais- e que irá á Comisión de Facenda convocada para mañá fóra da orde do día”, indica Avia Veira.

A respecto das propias ordenanzas fiscais, nunha primeira valoración, as nacionalistas salientan que desde o Goberno municipal se desatenderon a maioría das propostas que se lles achegaron.

As nacionalistas lamentan profundamente que o Goberno Municipal empregue prácticas propias de mandatos anteriores que dificultan o acceso á información cunha convocatoria improvisada e precipitada

ordenanzasfiscais_Así, as nacionalistas denuncian que o Goberno municipal desoíu a proposta de derrogación do recibo da auga, executada polo anterior Goberno municipal do PP a finais de 2012, tanto no que se refire á cota fixa, á taxa polo servizo de depuración, á taxa polo servizo de sumidoiro e á taxa por dar de alta o servizo.

No que ten a ver co IBI, o Bloque manifesta que o Goberno da Marea Atlántica se negou a eximir á Universidade da Coruña do pagamento deste imposto, e rexeitou, tamén, a bonificación do 90% ás familias numerosas naqueles casos no que algún dos seus membros estea nalgunha das situacións de discapacidade ou incapacidade recollida na lexislación. “Non se tivo en conta a nosa proposta para que se especificasen as condicións para que os inmóbeis antigos puidesen solicitar a exención do IBI nin tampouco a proposta de que se elevase o gravame aos locais en desuso. Descoñecemos que ten pensado facer o Goberno local a respecto da asunción do pagamento do IBI en alugueres das vivendas de propiedade municipal, que até o de agora pagan as persoas alugadas, e que lle suporía ás arcas municipais ao redor de 40.000 euros”, indica Avia Veira.

“Estas ordenanzas non contarán co noso apoio, entre outros motivos, porque non recollen a derrogación da suba do recibo da auga executada polo Partido Popular”, sinala Avia Veira

No que se refire aos prezos públicos, o BNG sinala que si se asumiron algunha das súas  propostas: como a supresión do prezo para as vodas civís ou o da inscrición e cota mensual das hortas urbanas. “A supresión da taxa por decomiso débese a que o propio Grupo Municipal do BNG esixiu a súa derrogación xa que fomos nós quen advertiu da existencia desta taxa á concelleira de facenda e ao seu asesor –que a descoñecían– na única reunión que mantivemos co Goberno e na que se nos presentaron as propostas de ordenanzas”, lembran as nacionalistas.

Canto a taxa por tratamento do lixo, o Bloque destaca que tampouco se atendeu á proposta de revisión da taxa por prestación do servizo de recollida e tratamento do RSU polo que se seguirá a pagar unha taxa por un servizo que non se recibe realmente.

A exención do IBI á UdC, a bonificación do 90 % a familias numerosas con algún membro con discapaciade ou o gravame a locais en desuso son, entre outras, varias das propostas do BNG que non se tiveron en conta

Por último, o Grupo Municipal do BNG tamén manifesta que descoñece se se atendeu a súa demanda de bonificación no plan de pago personalizado dos impostos municipais do 3 % sobre o IVTM, o IBI, a taxa de prestación do servizo de recollida e tratamento do Lixo e RSU e a taxa por entrada de vehículos desde a vía pública a edificios, locais e soares e de reservas de vía pública para aparcamentos, carga e descarga.

As ordenanzas fiscais non contarán co apoio do BNG