Sen "novidades relevantes" no encontro da alcaldesa co presidente da Xunta

Avia Veira e Francisco Jorquera nos seus escanos. Pleno do 1 de outubro de 2020.
Avia Veira e Francisco Jorquera, antes do comezo dun Pleno
O grupo municipal do BNG non ve que a reunión Inés Rei-Alberto Núñez Feixoo realizada este luns ofrecese “novidades relevantes”, pois, tal e como remarca o portavoz nacionalista Francisco Jorquera, o desbloqueo de cuestións como a Intermodal ou do Centro de Saúde de Santa Lucía xa se anunciaran previamente.
Sen "novidades relevantes" no encontro da alcaldesa co presidente da Xunta

Enmarca Jorquera o encontro da alcaldesa co presidente de Xunta nun contexto marcado por uns orzamentos galegos, pendentes aínda de tramitación das súas emendas parciais, que discriminan a nosa cidade ao atribuírnos un 1,8 por cento do investimento territorializado total cando A Coruña representa 9,1 por cento da poboación galega e 10,2 do PIB da Galiza.

Non parece que do encontro de hoxe vaia saír un mellor trato orzamentario para A Coruña, lamenta Francisco Jorquera.

O voceiro nacionalista demanda tamén transparencia a respecto da cuestión sobre a que pivotou basicamente a conversa de hoxe entre Inés Rei e Alberto Núñez Feixoo: a ampliación do CHUAC.

“O BNG demanda transparencia. Cal é o montante actual que terá que asumir o Concello?”, pergúntase Jorquera, para quen “a ampliación do CHUAC é unha actuación de interese supralocal” e, por tanto, non se lle poden impoñer á administración coruñesa “custos que non lle corresponden”.

Non parece que do encontro de hoxe vaia saír un mellor trato orzamentario para A Coruña, lamenta Francisco Jorquera

Neste mesmo sentido, pídelle tamén á alcaldesa que esclareza se solicitou do presidente da Xunta “unha revisión do proxecto de ampliación para minorar a súa afectación á contorna”, de maneira que as novas instalacións se estendan cara ao actual aparcadoiro.

Canto ao porto, para o portavoz do BNG “non abonda co compromiso da Xunta de participar na mesa na que se deseñará o futuro dos peiraos interiores”.

“O BNG demanda transparencia. Cal é o montante actual que terá que asumir o Concello?”, pergúntase Jorquera en relación á ampliación do CHUAC

“A Xunta ten que esclarecer se está disposta a contribuír economicamente para recuperar para a cidade o bordo litoral”, di Jorquera. “É preciso sabermos se nesta reunión a alcaldesa demandou da Xunta un compromiso nese sentido”, engade, sen deixar de lembrar que en 2018 o Goberno galego comprometeu 20 millóns de euros para a transformación dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo. “Continúa esa proposta enriba da mesa?”, pergúntase o voceiro nacionalista.

De resto, Jorquera critica que na reunión non se prestase a atención necesaria a asuntos como a promoción de vivenda pública por parte da Xunta na nosa cidade, o fortalecemento dos servizos públicos (nomeadamente a atención primaria e o ensino), as compensacións económicas ás mariscadoras da Ría do Burgo, a satisfacción da débeda da Administración galega coa Orquestra Sinfónica de Galiza (5 millóns de euros) e o futuro de Alu Ibérica (asunto sobre o cal o BNG vaille preguntar ao Goberno Local no Pleno deste vindeiro xoves).

Sen "novidades relevantes" no encontro da alcaldesa co presidente da Xunta