Non asistimos á Xunta de Goberno por ser unha "burda escenificación" de acordos sen contido real entre PSOE e a Marea

Jorquera Pleno extraordinario 3 de decembro de 2021
O grupo municipal do BNG optou por non asistir este venres á Xunta de Goberno Local urxente e extraordinaria convocada onte á tarde para hoxe mesmo.
Non asistimos á Xunta de Goberno por ser unha "burda escenificación" de acordos sen contido real entre PSOE e a Marea

"Non nos parece nin seria nin formal esta convocatoria urxente", explica o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera. "Non hai razóns que fundamenten esta convocatoria cando onte mesmo, media hora antes do Pleno, se realizou xa unha Xunta de Goberno Local urxente e extraordinaria en que perfectamente se podían abordar os asuntos que se trasladan á xuntanza deste venres".

A única razón que explica a convocatoria de hoxe non sería por tanto a urxencia dos asuntos a tratar, senón simplemente a escenificación propagandística "da posta en marcha dunha serie de acordos que, na súa súa grande maioría, carecen de contido real", avalía Francisco Jorquera.

"Nunca imos ser atrezzo dunha posta de escena de dúas forzas políticas que continúan sen abordar o asunto verdadeiramente urxente que ten a cidade por diante, dotarse dun orzamento para 2022", di Francisco Jorquera

Lamenta Jorquera que o Goberno Local opte pola propaganda e non por resolver de vez o asunto prioritario que ten o Executivo coruñés por diante, o de dotar a cidade duns novos orzamentos. "Non pode ser que se nos convoque a unha nova Xunta de Goberno urxente e extraordinaria para simplemente escenificar unha determinada imaxe, a do acordo entre o PSOE e a Marea, cando imos entrar en 2022 cos orzamentos prorrogados de 2020", remarca o voceiro nacionalista.

Jorquera expresou tamén a súa "perplexidade" perante a posición adoptada no Pleno deste xoves pola Marea Atlántica. "Falaron como se xa estiveran integrados no Goberno Local", dixo o portavoz do BNG, para quen "sobra teatralización e falta o impulso político necesario por parte de PSOE e Marea para resolver os problemas verdadeiramente urxentes da cidade, entre eles a parálise orzamentaria".

Non asistimos á Xunta de Goberno por ser unha "burda escenificación" de acordos sen contido real entre PSOE e a Marea