ESPOLIO DA CIDADE

Non ao espolio da Coruña!

Momento no que nos comcentramos xunto coa CADECO e a A.VV. Monte Alto diante da parcela pública que quere vender o Ministerio de Defensa
Momento no que nos concentramos xunto coa CADECO e a A.VV. Monte Alto diante da parcela pública que quere vender o Ministerio de Defensa

Trasladamos á nosa disposición a apoiar e rexistrar a moción achegada pola Comisión Aberta do Común e a A.VV. de Monte Alto que demanda a paralización da poxa da parcela da rúa Adelaida Muro

O noso candidato a Alcaldía, Francisco Jorquera, e a nosa número dous no tándem de cabeceira, Avia Veira, participaron este sábado ao mediodía na concentración que ambas entidades organizaron diante deste espazo no barrio de Monte Alto

Agardamos que os demais grupos con representación no Pleno tamén apoien a proposta de ambas entidades, que ademais de demandar a devolución gratuíta as parcelas de Adelaida Muro, solicita o propio para as do Campo da Estrada-Maestranza, o vello parque de Automóbiles de Agrela e aquelas outras pertencentes ao Ministerio de Defensa que son hoxe obxecto de especulación urbanística

Non ao espolio da Coruña!

O noso Grupo Municipal vén de trasladar á representación da Comisión Aberta en Defensa do Común e a Asociación Veciñal de Monte Alto a súa disposición de apoiar e rexistrar a moción que ambas entidades achegaron durante esta semana a todos os grupos con representación no Pleno do Concello da Coruña a respecto da paralización da poxa da parcela da rúa Adelaida Muro pertencente ao Ministerio de Defensa.

Deste xeito, tanto o noso candidato a Alcaldía, Francisco Jorquera, como a número dous no tándem de cabeceira, e actual portavoz, Avia Veira, que participaron esta mañá na concentración que estas entidades convocaron diante dos espazos localizados no barrio de Monte Alto en demanda da paralización da poxa, aproveitaron para se entrevistar coa representación destas e lles comunicaron a nosa intención de dar o debate no Pleno ordinario deste vindeiro luns, agardando que os demais grupos se unan á petición e así acadar unha resolución unánime de todas as formacións políticas.

20190112_concetracion_adelaida_muro_3

Neste sentido, agardamos que a Marea Atlántica, o Partido Popular e o Partido Socialista, fagan fronte común xa que logo, como se sinala na propia iniciativa, redunda no acordo xa tomado polo Pleno do Concello de 11 de abril de 2016, restituíndo para a cidade o que lle é propio.

Estamos a falar dun solar de 373 metros cadrados, no número 24 da rúa Adelaida Muro, que como noutros moitos casos, foi un terreo comunal, ou de propiedade do Concello da Coruña, que, ou ben non son utilizados por Defensa, ou ben son obxecto de especulación inmobiliaria, sendo terreos de todas e de todos. É inadmisíbel, o lóxico é que deban pasar a propiedade do concello da Coruña para ser empregados para equipamentos públicos.

Así, na propia iniciativa proponse, ademais deste espazo, restituír á titularidade municipal outras propiedades públicas que hoxe en día son dependentes da administración do Estado, como as parcelas do Campo da Estrada-Maestranza, o vello parque de Automóbiles de Agrela ou aqueloutras que están sendo obxecto de operacións urbanísticas.

Por último, a proposta, ademais de demandar a devolución gratuíta do espazo de Adelaida Muro, tamén propón consultar á veciñanza de Monte Alto a súa opinión sobre o uso público desta parcela así como o compromiso de convocar un Concurso de Ideas sobre o seu futuro uso como Centro Social.

A Coruña, 12 de xaneiro de 2019.

Non ao espolio da Coruña!