CONFERENCIA DE PRENSA DE FRANCISCO JORQUERA E AVIA VEIRA

Por unha negociación dos orzamentos sen exclusións e por unhas contas que non paguen polo que xa é noso

Jorquera e Veira rolda prensa orzamentos
O grupo municipal do BNG avalía en termos positivos que o PSOE e a Marea Atlántica rectificasen a súa posición en relación aos orzamentos do Concello –o grupo socialista optou no seu día por prorrogar as contas de 2020 e non negociar un novo presuposto, a Marea tivo actitudes que no seu momento fixeron moi difícil a posibilidade de chegar a acordos-, mais advirte que “non sería bon para a cidade” que a negociación orzamentaria se establecese a dous e excluíse a formación nacionalista.
Por unha negociación dos orzamentos sen exclusións e por unhas contas que non paguen polo que xa é noso

“A sociedade non entendería que dúas forzas pasasen dunha espiral perniciosa para a vida política municipal de descualificacións e confrontacións a cociñar entre eles os orzamentos excluíndo outras achegas”, dixo esta mañá o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera, quen compareceu ante os medios canda a nosa concelleira Avia Veira na sede comarcal do BNG, na rúa Damas.

A exclusión do grupo municipal nacionalista da negociación dos orzamentos só se explicaría, alegou Jorquera, “por intereses partidistas ante a evidencia do avance do BNG” constatado “quer nas últimas eleccións quer nos últimos inquéritos disponíbeis”.

“Aledámonos de que o PSOE e a Marea rectifiquen” en relación aos orzamentos, subliñou.

Rectifica o PSOE “despois da decisión de prorrogar os orzamentos de 2020 renunciando a negociar uns novos orzamentos para 2021” e rectifica a Marea “abandonando actitudes que facían moi difícil a posibilidade de chegar a un acordo orzamentario”.

E rectifican os dous “despois de ter limitado a negociación en 2021 ao Presco e aos convenios, excluíndo a posibilidade de incluír un modificativo de investimentos”, engadiu.

Si, excluíron esa posibilidade ao non apoiar a proposta do BNG de que o Concello subscribise un crédito para financiar novos investimentos e así incrementar a dotación do Presco e dos convenios.

“En definitiva”, recapitulou Jorquera, “congratulámonos de que prevaleza a liña que sempre defendeu o BNG: combinar o exercicio do labor de crítica e fiscalización que debe facer unha forza da oposición coa formulación de propostas e a disposición de chegar a acordos polo ben da cidade”.

Jorquera e Avia rolda prensa orzamentos 1

Para Jorquera, ninguén pode discutir o contributo do BNG ao clima de diálogo en María Pita: “Non temos facturas que cobrar. Nin nos move o revanchismo con respecto ao anterior goberno municipal nin o revanchismo por ter perdido as eleccións”.

En calquera caso, o portavoz nacionalista avanzou que desde xa o BNG vai traballar na elaboración das súas propostas para os orzamentos de 2022. Entre elas estarán as que “formulamos para o PRESCO que ou ben non foron incorporadas ou non foron suficientemente desenvolvidas. “Numerosas actuacións nos barrios, atendendo as demandas que ao longo destes meses nos trasladaron distintos colectivos veciñais”, indicou.

Orzamentos e porto

Nese momento da comparencia Jorquera estableceu unha ligazón entre os orzamentos e o futuro do porto: “Anticípovos que entre as nosas propostas vai estar tamén a nosa oposición frontal a que o Concello consigne partidas para mercar os peiraos de Batería e Calvo Sotelo”.

“Non temos facturas que cobrar. Nin nos move o revanchismo con respecto ao anterior goberno municipal nin o revanchismo por ter perdido as eleccións”.

Opoñémonos a que o Concello teña que pagar pola devolución ás coruñesas e coruñeses do que é seu”, remarcou.

A oposición do BNG é total, enfatizou, a calquera intento de “axudar a pagar pola porta de atrás” a débeda do porto da Coruña, “en vez de esixir a súa condonación ou unha solución equivalente”.

Catro reflexións

Avia Veira estendeuse a respecto deste aspecto da cuestión, horas antes de se realizar en María Pita unha nova Comisión Inter-Administrativa sobre o futuro do porto.

“Hai no mínimo catro reflexións a facer”, dixo. E enumerounas:

“A primeira, que é absurdo mercar con diñeiro público terreos que xa son públicos e que en orixe foron gañados ao mar para o uso portuario. O lóxico é que sexan restituídos gratuitamente ao pobo da Coruña”.

“A segunda, que o Goberno Local asume a lóxica da non condonación da débeda. No canto de esixir a condonación, o Goberno Local ofrécese a contribuír ao pagamento da débeda. Nisto coinciden tanto PP, desde a Xunta, como PSOE, desde o Goberno de María Pita e desde o Estado. Volven coincidir PP e PSOE en aceptar unha discriminación intolerábel á nosa cidade. Se se condonou a débeda ao porto de Valéncia, por que non a da Coruña?"

Jorquera: “Mercar con diñeiro público terreos que xa son públicos é tanto como renunciar á condonación da débeda e é tamén lexitimar a seguinte operación, a de facer caixa vendendo activos en San Diego, ou sexa, dar un pelotazo urbanístico en San Diego”

“A terceira reflexión é que a abordaxe do futuro do porto ten que ser global. Non podemos fraccionar o porto. O peirao de Centenario, Transatlánticos, a Enseada das Ánimas, a Dársena de Oza, para a Autoridade Portuaria. Batería e Calvo Sotelo, para o Concello. Iso non ten sentido. Hai que constituír un Consorcio que xestione globalmente o porto, non dividir a súa propiedade”.

“A cuarta e última reflexión parte dunha pregunta. Con que alianzas pensa o Goberno Local sacar adiante o protocolo que substituirá os convenios de 2004? Agora entendemos por que na última Comisión do Bordo Litoral o Goberno Local non nos informou da súa proposta de mercar Batería e Calvo Sotelo. Sabían que era inaceptábel. Desde logo, co BNG que non conten para aprobar un protocolo no Pleno que incorpore esa proposta”.

A este último respecto, Jorquera remarcou que a proposta do Goberno Local sobre Batería e Calvo Sotelo vulnera o acordo de investidura subscrito en xuño de 2019 por BNG e PSdeG. Naquela altura o grupo socialista comprometérase a reivindicar a condonación da débeda ou a articulación dunha solución análoga (o investimento por parte do Estado na urbanización dos peiraos desafectados por unha cantidade equivalente ao débito da Autoridade Portuaria con Portos do Estado).

“O grupo socialista xa incumpriu o Acordo de Investidura ao prorrogar os orzamentos de 2020, cando no texto que asinamos se estipulaba que cada ano comezaríamos no mes de setembro a negociación dos orzamentos do exercicio seguinte para entraren en vigor á altura de xaneiro”, lembrou Jorquera.

Pelotazo urbanístico en San Diego

“Desde logo, que non conten connosco para aprobar uns orzamentos que incorporen partidas destinadas ao pagamento de peiraos que teñen que ser restituídos gratuitamente”, alegou o portavoz nacionalista, quen alertou tamén sobre a perspectiva que se abra un “gran pelotazo urbanístico” no peirao de San Diego. “Se se admite que para recuperar Batería e Calvo Sotelo, o Concello ten que achegar unha cantidade importante de diñeiro para recuperar para o público terreos que xa son públicos –co que en definitiva se asume a lóxica da non condonación da débeda-, entón estase a lexitimar que a solución para San Diego sexa a venda de activos, en definitiva, a privatización”, concluíu.

 

Por unha negociación dos orzamentos sen exclusións e por unhas contas que non paguen polo que xa é noso