Unha moción para rexeitar o protocolo Covid-19 para o ensino imposto unilateralmente pola Xunta

IES Urbano Lugrís
IES Urbano Lugrís
A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou este luns unha moción para o seu debate e votación no próximo pleno da corporación –programado para o 10 de setembro- visando que o Concello rexeite o protocolo COVID-19 para o ensino imposto unilateralmente pola Xunta sen o ter negociado coa comunidade educativa.
Unha moción para rexeitar o protocolo Covid-19 para o ensino imposto unilateralmente pola Xunta

Para Avia Veira, neste protocolo “os criterios económicos” antepóñense á “calidade educativa e ás garantías sanitarias”. E non só iso: o Goberno Galego despraza a responsabilidade sobre a execución e planificación ao persoal directivo dos centros, ao profesorado, ás nais e pais e aos concellos,  no canto de a asumir el propio consoante coas súas competencias exclusivas en educación e sanidade.

Neste sentido, a concelleira nacionalista esíxelle á administración galega que sexa ela quen elabore e financie un plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello para facer fronte ás consecuencias da pandemia.

A moción tamén pide o apoio do Pleno ás reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado en favor de que, previo diálogo coa Xunta, se resolvan os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga e o normal funcionamento dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021.

A concelleira nacionalista esíxelle á administración galega que sexa ela quen elabore e financie un plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello

Cabe lembrar que o BNG xa formulou unha moción sobre o inicio de curso no mes de xuño. Naquela altura a formación nacionalista instaba a Xunta a que planificase o retorno ás aulas tendo en conta todos os escenarios posíbeis e desde en logo en diálogo coa comunidade educativa. “O que pedíamos en xuño era que se incrementase o número de docentes, que se adaptasen ou habilitasen espazos para gardar as distancias de seguridade, que se reordenasen os servizos de comedor, o Plan Madruga, o transporte público, que se tomasen medidas para diminuír a fenda dixital... Pois ben, nada diso se fixo”, denuncia Avia Veira.

“Ás portas de setembro o Goberno galego presenta perante a sociedade galega unha proposta indignante, propia de quen non quere gobernar, aínda que quixese”, ironiza a concelleira nacionalista en referencia ás declaracións feitas pola conselleira de Educación. “Revela a Xunta un descoñecemento total sobre o que é unha aula ou unha persoa en idade escolar”, alega.

“Ás portas de setembro o Goberno galego presenta perante a sociedade galega unha proposta indignante, propia de quen non quere gobernar, aínda que quixese”, ironiza a concelleira nacionalista

Veira acusa o Goberno galego de trasladar toda a responsabilidade ás ANPAS, ás direccións dos centros, ao profesorado e aos concellos. “Estamos fartas de tanto desleixo e abandono das súas funcións por parte da Xunta. Nin asumiron a habilitación de novos espazos, nin se contratou máis profesoras e profesores do habitual nin se atenderon as novas necesidades nos comedores, no transporte escolar nin no Plan Madruga”, critica.

A imposición unilateral deste protocolo por parte da Xunta afecta especialmente unha cidade como A Coruña, remarca Avia, en que se achan 27 centros de educación infantil e primaria e 14 institutos de educación secundaria. “De aí que volvamos levarmos unha moción ao Pleno para amosarmos o rexeitamento ao protocolo do Goberno galego e esixírmoslle que asuma de vez as súas competencias exclusivas na materia. A Xunta ten que comezar a gobernar e deixar de botar balóns fóra”, concluíu.

 

Unha moción para rexeitar o protocolo Covid-19 para o ensino imposto unilateralmente pola Xunta