DÁMOSLLE TRASLADO AO PLENO DE PROPOSTAS QUE NOS ACHEGARON DESDE UNÍMONOS OU AFUNDÍMONOS

Unha moción en apoio aos sectores culturais da cidade

Unímonos
Reunión con Unímonos ou Afundímonos
A concelleira do BNG Avia Veira vai defender no Pleno do vindeiro xoves unha moción en apoio aos sectores culturais da cidade. A iniciativa contén distintas propostas que lle foron achegadas ao grupo municipal nacionalista polo colectivo Unímonos ou Afundímonos.
Unha moción en apoio aos sectores culturais da cidade

O BNG partilla a análise feita por este colectivo segundo a cal “o agravamento da pandemia nos últimos meses fixo aínda máis dura a situación laboral e económica das traballadoras e traballadores da Cultura e os Espectáculos”.

Que os sectores culturais experimenten unha situación difícil ten consecuencias non só para eles, senón para a conxunto das veciñas e veciños, ao estarmos a falar de profesionais que velan por garantir o dereito á cultura da sociedade. Falamos tamén dun sector con capacidade de creación de riqueza e de emprego.

É por isto que os poderes públicos, a comezar polo Concello, teñen que reaxir e apoiar decididamente a cultura da cidade.

Mais o certo é que o Concello ten aprobado declaracións institucionais e mocións de distintos grupos con propostas concretas de políticas culturais sen que o Goberno Local tivese actuado en consecuencia: nin as tivo en conta nin as levou a cabo, denuncia Avia Veira.

O Goberno Local continúa sen desenvolver as propostas de políticas culturais contidas en diversas mocións aprobadas polo Pleno, denuncia Avia Veira

“Neste momento, non só é preciso programar e apoiar cultura por ser un sector económico importante ou polo dereito á cultura que temos como sociedade, senón tamén porque, após dous anos de pandemia co cansanzo que acumulamos, precisamos desfrutar da cultura”, remarca a concelleira nacionalista.

A iniciativa diríxese a tres poderes públicos: ao Concello, á Xunta e ao Estado.

Así, e entre outras medidas, a moción insta o Goberno Local a que elabore un censo das persoas traballadoras na Cultura e nos Espectáculos na cidade, a que aumente e diversifique a programación cultural, a que faga unha nova convocatoria urxente dos PRESCO para profesionais deste sector e a que críe o Consello Local da Cultura, un foro que “permita un diálogo directo entre a Administración e as traballadoras e traballadores, do que poden saír solucións para a situación que estamos a vivir”.

Canto á Xunta, proponse que incremente o investimento en actividades culturais e reforce a Filmoteca da Galiza (Centro Galego de Artes da Imaxe) a través dun aumento do seu orzamento e persoal.

Finalmente, o BNG urxe o Goberno do Estado a que aprobe de vez o Estatuto do Artista e a que lle dea impulso ao seu pleno desenvolvemento.

 

 

Unha moción en apoio aos sectores culturais da cidade