Luz verde do Pleno de abril ás tres mocións do BNG

Avia e Jorquera Pleno Abril
O Pleno de Abril do Concello da Coruña aprobou as tres mocións formuladas polo Bloque Nacionalista Galego, a relativa ao Barrio das Flores por unanimidade e as referidas aos abusos bancarios e a modernización dos camiños de ferro A Coruña-Ferrol por maioría, con abstención do PP e, no último caso, tamén da concelleira non adscrita.
Luz verde do Pleno de abril ás tres mocións do BNG

Correspondeulle a Francisco Jorquera, voceiro do grupo municipal nacionalista, a defensa da primeira das mocións do BNG en ser debatida, a que tiña como obxectivo frear os abusos bancarios e a exclusión financeira, fenómenos que atinxen amplas capas da sociedade coruñesa. Nesta ocasión, o BNG aceptou emendas ao seu texto formuladas pola Marea Atlántica e pola concelleira non adscrita.

Vinculou Jorquera os abusos bancarios ao proceso de concentración e centralización do capital financeiro, unha dinámica que atinxiu de cheo a cidade da Coruña. “Eramos a capital financeira da Galiza. Fomos sede, entre outras entidades, de Caixa Galicia, o Banco Pastor ou o Banco Gallego. Firmas que como peóns de xadrez foron comestas para alimentar a Raíña e o Rei”, relatou o portavoz nacionalista.

E non é só que perdésemos músculo financeiro como cidade, senón que se viron claramente danados os intereses materiais de moitas veciñas e veciños. “Aumentos inxustificados das comisións, fechamento de oficinas, redución de horarios e servizos...”, pormenorizou Jorquera.

FJ 2

Que facer? Pois instar o Goberno central a que regule o sector e impida as prácticas de concentración e emprazar a Xunta a que, no uso das súas competencias, combata a deslocalización de servizos e a perda de postos de traballo no país e na cidade.

Tamén asumiu Jorquera a defensa das segundas das mocións do BNG, neste caso relativa á humanización e rehabilitación do Barrio das Flores, unha iniciativa que nace do recente contacto tido pola formación nacionalista con veciñas e veciños desta zona da cidade.

No seu tempo “destacado expoñente dun urbanismo moderno e innovador”, o Barrio das Flores padece agora os efectos da falta de investimento público e de mantemento; sofre, en definitiva, o abandono por parte dos sucesivos gobernos municipais.

A través desta moción, o BNG insta o Goberno Local a que someta o Plano Integral de Rehabilitación do Barrio á consideración da veciñanza, “que é a que coñece de primeira man as necesidades e carencias do barrio”, salientou Jorquera.

Mais a materialización do Plano vai levar o seu tempo, así que, subliñou o voceiro nacionalista, mentres non se leve a termo “son necesarias actuacións que melloren no curto prazo os servizos e a calidade do espazo público e con iso a calidade de vida de veciñas e veciños”.

O BNG aceptou unha emenda de adición da Marea Atlántica e chegou a unha transacción con outra do PP, non sen antes esclarecer Jorquera que a visión que ten o BNG sobre o fenómeno da okupación é substancialmente distinta da que ten a formación conservadora.

“As veciñas e veciños cos que falamos deixáronnos claro que non sofreron un problema de okupación, senón un conflito de convivencia motivado por condutas incívicas dunhas persoas que moraban nunha vivenda abandonada”, resaltou o portavoz nacionalista.

A visión que ten o BNG sobre o fenómeno da okupación é substancialmente distinta da que ten a formación conservadora

O BNG desde logo non partilla unha concepción exclusivamente “punitiva” do fenómeno da okupación. “Estamos a falar”, esclareceu Jorquera, “da manifestación dun problema de fondo, o das dificuldades coas que se enfrontan moitas persoas á hora de accederen a unha vivenda digna”.

A terceira e última das mocións do BNG defendeuna Avia Veira e visaba a necesaria modernización da liña ferroviaria A Coruña-Ferrol.

Os camiños de ferro, salientou Veira, poderían mudar as políticas de mobilidade. Mais sen seren modernizados, dificilmente serán alternativos ao vehículo particular. “Necesitamos servizos de proximidade e, desde logo, que o estado faga canto antes o baypass de Betanzos”, alegou.

avi

A pandemia está a ser un pretexto para o recorte de frecuencias e horarios. “Renfe prometera retomar servizos en setembro pasado, mais iso nunca chegou a acontecer”, denunciou. “Isto témolo que reclamar sempre, gobernar quen gobernar en Madrid”, acrecentou.

E ao tempo voltou a enarborar a concelleira unha vella reivindicación do BNG, absolutamente vixente nos nosos días, a da transferencia á Xunta dos servizos de media distancia e de proximidade. “Esa é a razón pola que rexeitamos a emenda da señora Faraldo [militante de Podemos]”, explicou Veira, quen ao tempo anunciou a aceptación da formulada por Marea Atlántica.

 

 

Luz verde do Pleno de abril ás tres mocións do BNG