Luz verde definitiva á Ordenanza do Galego, impulsada polo BNG desde o Acordo de Investidura

Avia Veira e Francisco Jorquera nos seus escanos
O Pleno do Concello da Coruña deu luz verde esta mañá á Ordenanza do Galego, un instrumento para a normalización do noso idioma na institución local, impulsado polo BNG xa desde a sinatura, en xuño de 2019, do Acordo de Investidura. A Ordenanza foi votada a favor por BNG, PSdeG, Marea Atlántica e pola concelleira non adscrita Isabel Faraldo. O PP optou polo voto contrario.
Luz verde definitiva á Ordenanza do Galego, impulsada polo BNG desde o Acordo de Investidura

“Hoxe é un día emocionante. Co acto de aprobación definitiva desta ordenanza reguladora do uso do galego corriximos un déficit histórico do Concello da Coruña coa nosa lingua”, dixo na súa intervención a concelleira Avia Veira.

É o final dun longo proceso de elaboración e, no capítulo de agradecementos, a edil nacionalista rendeu tributo “ás coruñesas e aos coruñeses que manteñen vivo o noso idioma”, á achega de Domingos Merino na súa etapa como alcalde por “devolver o galego ao salón de plenos”, ao traballo de Ermitas Valencia como primeira concelleira de Normalización Lingüística –“tentou con todas as súas forzas aprobar unha ordenanza do galego no Concello da Coruña malia todas as trabas que puido atopar polo camiño e, ao labor do persoal do Concello adscrito ao Servizo de Normalización Lingüística. Por último, recordou que o Goberno Municipal anterior tamén se fixou como obxectivo a aprobación dunha Ordenanza do Galego, a pesar de que “nunca se chegou a traer a pleno”.

A Ordenanza foi votada a favor por BNG, PSdeG, Marea Atlántica e pola concelleira non adscrita Isabel Faraldo. O PP optou polo voto contrario.

Mais, reivindicou Veira, “se estamos hoxe diante deste punto da orde do día é pola insistencia do BNG. A insistencia en que a aprobación da Ordenanza do Galego fose un dos puntos do Acordo de Investidura co PSOE. A que tivemos cando trouxemos o asunto ao Pleno ao non vermos que se producisen avances”.

Mais coa aprobación da Ordenanza non acaba o traballo. En realidade, comeza. “Encetamos un camiño importantísimo e hai que facelo andando. Hai que pasar do texto ao feito”, dixo Veira.

Entre as tarefas a facer pormenorizou as seguintes: informar sobre o contido da Ordenanza a todos os servizos, funcionariado e empresas municipais (EMALCSA, EMVSA, Fundación EMALCSA, Consorcio para a Promoción da Música, Consorcio de Promoción para a Música...), ben como reforzar o persoal do servizo de Normalización Lingüística e pór en marcha campañas para fomentar o emprego do galego entre a mocidade, nas redes, por parte das empresas, con axudas para aquelas que empreguen a nosa lingua para se promocionaren, sen esquecer tampouco a obriga de os membros do Goberno Local utilizaren o galego durante o seu labor de representación.

Mais coa aprobación da Ordenanza non acaba o traballo. En realidade, comeza. “Encetamos un camiño importantísimo e hai que facelo andando. Hai que pasar do texto ao feito”

Coa aprobación da Ordenanza do Galego estimábanse algunhas das alegacións formuladas por distintos colectivos, en tanto que outras foron desconsideradas.

Sobre as formuladas polo PP, Avia Veira considerou que non tiña sentido incorporalas á Ordenanza porque só pretendían “descafeinala”, ao pór a continuación do recoñecemento dos dereitos do uso do galego o dereito a empregar o castelán. “Como se ao recoller o dereito ao uso do galego nunha norma tivésemos que pedir desculpas a continuación e esclarecerlle aos castelán-falantes que tamén poden empregar o castelán”, remarcou a concelleira nacionalista.

E a respecto das achegas da Marea Atlántica, Veira dixo que o BNG partilla algunhas delas, mais que discrepa en concreto da que postula a creación dun Consello Local da Lingua. “Non entendemos que a lingua se confine a un Consello Local específico. A lingua é transversal e, polo tanto, é o Consello Social Municipal o órgano participativo onde se debe tratar a situación lingüística da cidade para implicar o conxunto da sociedade coruñesa no obxectivo de promocionar e fomentar o uso da nosa lingua”, dixo.

Con todo, dixo entender que, en aras de a Ordenanza obter o maior respaldo posíbel, o Goberno Local acabase por aceptar esta alegación.

“A nosa discrepancia con esta cuestión, que é de fondo e de forma, non vai facer que nos apartemos da aprobación definitiva dunha ordenanza que se hoxe está na orde do día do Pleno é polo traballo previo de moitas persoas, mais tamén pola insistencia política do BNG”, concluíu.

 

 

Luz verde definitiva á Ordenanza do Galego, impulsada polo BNG desde o Acordo de Investidura