Levamos a Pleno a aprobación dos convenios coas asociacións, no ar pola prórroga dos orzamentos

Francisco Jorquera. Pleno do 3 de decembro de 2020.
Francisco Jorquera. Pleno do 3 de decembro de 2020.
O BNG criticou a decisión do Goberno Local de prorrogar os orzamentos 2020 entre outras razóns porque a normativa presupostaria impide a prórroga dos convenios nominativos coas distintas asociacións –sociais, culturais, deportivas...-da cidade.
Levamos a Pleno a aprobación dos convenios coas asociacións, no ar pola prórroga dos orzamentos

Ao terse optado pola prórroga das contas no seu conxunto, as axudas ao tecido asociativo da Coruña –que no orzamento de 2020 alcanzaba a cantidade global de 6,5 millóns de euros- fican sen destinatario concreto, o que enche de incerteza múltiples entidades da cidade, que a estas alturas ignoran con que recursos van contar para sufragar as súas actividades.

É por isto que o BNG vai levar este asunto ao Pleno do próximo xoves 14 de decembro, en forma dunha pregunta oral que será formulada polo portavoz nacionalista, Francisco Jorquera.

“2021 non comeza ben no Concello”, afirma o portavoz do BNG en María Pita. “Comeza sen que teñamos novos orzamentos, mais tamén se que se iniciase o trámite de modificacións de crédito. E comeza sen que aínda estea aprobado o novo PRESCO e coas entidades a agardaren pola aprobación dos convenios”, alega.

Francisco Jorquera: “2021 non comeza ben no Concello. Comeza sen que teñamos novos orzamentos, sen que se iniciase o trámite de modificacións de crédito, sen que estea aprobado o novo PRESCO e coas entidades a agardaren pola aprobación dos convenios”

“No seu momento criticamos a decisión do Goberno Local de prorrogar as contas porque non só implicaba falta de disposición de diálogo co resto de grupos, e nomeadamente cos que viabilizamos a investidura de Inés Rey, senón tamén porque afectaba os convenios de subvencións nominativas”, afirma Francisco Jorquera. Lembra o voceiro nacionalista que no momento en que o Executivo coruñés comunicou ao Pleno que ía prorrogar os orzamentos –foi  precisamente en resposta a unha pregunta oral formulada polo BNG- “nós xa lles advertimos que unha das consecuencias negativas desa decisión sería o retraso na sinatura dos convenios coas entidades”.

Nestes momentos o BNG ignora que previsións baralla o Goberno Local para levar a Pleno a aprobación do anexo de convenios de subvencións nominativas, o documento en que se debe detallar o destino concreto desa partida de 6,5 millóns de euros. “Non ten sentido negociar a retallos. O novo PRESCO por un lado. Os convenios polo outro. O lóxico tería sido negociar os orzamentos ao seu debido tempo para que entrasen en vigor a 1 de xaneiro”, di Jorquera.

A decisión de prorrogar os orzamentos tivo outra consecuencia. Como acontece cos convenios, hai determinadas partidas que en virtude da normativa orzamentaria non se poden desprazar para o ano seguinte. Ese diñeiro –por volta de 16,8 millóns de euros- non se perde, pero está pendente de que o Pleno lle fixe novo destino. Mentres non se decide a que partidas se asigna, os orzamentos sofren unha mingua: dos 260 millóns de euros de 2020 pasaríamos a 243 en 2021. “Ou sexa, en vez de negociar os orzamentos no seu conxunto, teremos que negociar estas partidas. Non ten sentido ningún”, conclúe Jorquera, para quen “non é presentábel que o Concello se plante en 2021 en plena crise da pandemia cun orzamento que neste momento é inferior ao de 2020 en 16,8 millóns de euros”.

 

 

Levamos a Pleno a aprobación dos convenios coas asociacións, no ar pola prórroga dos orzamentos