O BNG xulga insuficiente a dotación económica que o Goberno Local pretende destinar ao Presco 2021

Comisión Facenda
O grupo municipal do BNG coñeceu hoxe por fin, a principios de xuño na Comisión de Facenda, a proposta do Goberno Local para o Presco 2021.
O BNG xulga insuficiente a dotación económica que o Goberno Local pretende destinar ao Presco 2021

“Temos que celebrar que por fin se reactiven os traballos para termos un novo Presco, mais á vez temos que dicir que non foi sen tempo. Xa logo levamos medio ano consumido, unha demora inaceptábel, froito da ineficacia do Goberno Local, na tramitación dun plan moi necesario para paliar a situación dos sectores máis damnificados pola pandemia e para contribuír a reactivar a economía local”, avalía Francisco Jorquera, portavoz do BNG.

A dotación económica que o Goberno Local pretende destinar ao novo Presco é de apenas 6.060.000 euros. “Parécenos claramente insuficiente. É menos do que a metade do Presco 2020, dotado con 13 millóns de euros”, di Jorquera.

O recorte afecta nomeadamente o capítulo social, critica o voceiro nacionalista.

En efecto, as tres partidas deste capítulo (suplemento para a Renda Social Municipal e Axuda de Emerxencia Social, reforzo do programa de canguros e reforzo á atención para as persoas maiores) dispuxeron dun orzamento en 2020 de 2,4 millóns de euros. Esta cantidade pasaría en 2021 a ser de apenas 600 mil euros. “Non podemos compartir un retroceso tan acusado en fondos que van xusto ás persoas máis necesitadas”, argumenta Jorquera.” “Tampouco nos parecen suficientes os recursos que se pretenden inxectar para reactivar o sector cultural, un dos que máis teñen sofrido esta crise”, engade.

Inaceptábel recorte no capítulo social. Pasaría de 2,4 millóns a apenas 600 mil euros

A proposta do Goberno Local incorpora algunha das achegas do BNG –que se abra unha liña de axudas aos salóns de peiteados, que o respaldo á cultura non fique limitado aos bonos para as librarías, que se considere a posibilidade de apoiar as salas de concertos. “Hai outras propostas do BNG que non están incorporadas e que agardamos que sexan atendidas en vindeiras reunións”, di Jorquera.

E é que a Comisión de Facenda volverase reunir o vindeiro martes para tratar do Presco. “Confiamos en que o Goberno Local reconsidere esta proposta e atenda as nosas demandas”, afirma Jorquera.

O Goberno Local continúa sen considerar a nosa proposta de o Concello subscribir un crédito para dotar o Presco de máis recursos

Unha desas demandas, que o Goberno Local polo de agora non tivo en consideración, é que o Concello subscriba un crédito para financiar o Presco. “Este é o momento de pór as necesidades sociais por enriba do equilibrio financeiro. O Concello, ademais, ten unha Facenda saneada. Pode perfectamente asumir a subscrición dun crédito que permita que o Presco 2021 teña unha dotación económica suficiente”, remarca Jorquera.

Sobre a reunión do próximo martes, Jorquera agarda que non só serva para “que se rexistren avances en relación á proposta do Goberno Local para o Presco 2021”, senón que tamén valla para que se “amplíen os convenios coas entidades da cidade, unha demanda que subscribimos todos os grupos da oposición”.

O BNG xulga insuficiente a dotación económica que o Goberno Local pretende destinar ao Presco 2021