Jorquera: "Termos poder de decisión é a ferramenta indispensábel para o progreso social"

Jorquera: "Termos poder de decisión é a ferramenta indispensábel para o progreso social"

A Coruña, 23 de xullo de 2013.- Despois dun mes de actos ao longo dos Concellos da comarca, o BNG da Coruña celebrou na tarde de hoxe o acto central da campaña impulsada con motivo do Día da Patria. O acto, de carácter lúdico-reivindicativo, contou coas intervencións do portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, do portavoz do Grupo Municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, e da responsábel local de Galiza Nova na Coruña, Alba Sánchez. Non faltaron as actuacións musicais a cargo de Lidia Botana, Xurxo Souto e o grupo de gaiteiros Xebre nin a ofrenda floral coa que, cada ano, Galiza Nova homenaxea a Curros Enríquez.

Precisamente, o portavoz parlamentar comezou a súa intervención recuperando o discurso de Curros, un Curros que, sinalou, está máis vixente que nunca. “Participou nas correntes máis avanzadas no seu tempo, previas á fundación do nacionalismo galego, foi un demócrata e republicano que defendía a necesidade de apostarmos por dinámicas propias e por tomarmos Galiza como marco de referencia”, afirmou.

“A defensa dos dereitos nacionais está vencellada á democracia e ao progreso social”, salientou Jorquera, quen advertiu de que “nun momento en que a ofensiva centralista é cada vez maior, co retroceso da calidade da democracia e co recorte de dereitos sociais é indispensábel termos poder político para decidirmos e negociarmos sobre os nosos recursos en pé de igualdade con outros países”. Así, erixiu a soberanía como “a ferramenta fundamental para termos o control real da nosa economía”. “A soberanía é fundamental para que os galegos e galegas poidamos vivir e traballar na nosa terra”, engadiu o portavoz parlamentar do BNG.

Jorquera finalizou a súa intervención animando a xente a se sumar aos actos convocados polo BNG no Día da Patria, “o 25 de xullo ten debe ser unha xornada masiva de rebelión do país fronte á corrupción, ten que ser un día en que os galegos e galegos digamos até a aquí chegamos e que basta de destrución económica, ten que ser un día en que nos mobilicemos pola capacidade de decidirmos en funcións dos nosos intereses e non dos intereses de Bruxelas nin de Madrid”. Como cada ano, a manifestación nacional do BNG partirá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela.

Jorquera: "Termos poder de decisión é a ferramenta indispensábel para o progreso social"