PREGUNTA ORAL NA SESIÓN ORDINARIA DO PRÓXIMO 6F

Jorquera leva ao Pleno os atrancos que pon agora o ministro Ábalos á Intermodal

Exterior da estación de San Cristovo
Exterior da estación de San Cristovo
O grupo municipal do BNG vai dirixir unha pregunta oral ao Goberno Local no pleno ordinario do vindeiro xoves 6 de febreiro en relación aos resultados da reunión tida pola Concellaría de Urbanismo o pasado 23 de xaneiro con responsábeis do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Jorquera leva ao Pleno os atrancos que pon agora o ministro Ábalos á Intermodal

A reunión, producida por videoconferencia, tivo lugar con motivo da visita á nosa cidade do ministro Ábalos. No seu transcurso os responsábeis do Goberno estatal cuestionaron o contido do borrador de convenio para a construción da estación intermodal, ao reclamaren a titularidade estatal de viais que se achan perto da estación de Santo Cristovo e ao pedir tamén que se incrementasen os aproveitamentos urbanísticos non estritamente ferroviarios.

É por isto que o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, formula unha pregunta co seguinte teor: “Cales foron os resultados da reunión mantida coas persoas responsábeis do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, con motivo da presenza do Ministro na cidade da Coruña”.

“Estamos moi preocupados coa falta de compromisos concretos por parte do antigo Ministerio de Fomento. En particular, preocúpanos e indígnanos a actitude dun ADIF que agora pon novas condicións á hora de materializar os seus compromisos a respecto da Intermodal”, afirma Jorquera, para quen “esta actitude non é de recibo”. “Non se poden pór máis atrancos, pois estes van significar un maior retraso na execución desta infraestrutura”, remarca.

A actitude do ADIF "non é de recibo", argúe Jorquera

Alén diso, o portavoz nacionalista ve “impresentábel” que ADIF pretenda “máis aproveitamentos urbanísticos”. “No canto de cumprir cos seus compromisos e atender as demandas das coruñesas e os coruñeses, o ministerio que dirixe Ábalos quere especular con terreos que son da cidade, unha práctica tristemente habitual por parte dos sucesivos gobernos do Estado”, conclúe.

O BNG, anuncia Jorquera, vai tamén levar este asunto ao Congreso dos Deputados através dunha iniciativa de Néstor Rego.

Jorquera leva ao Pleno os atrancos que pon agora o ministro Ábalos á Intermodal