PREGUNTAS ORAIS NO #PLENO2D

Jorquera dille a Villoslada que o informe de Patrimonio ve obsoleto o PERI da Maestranza

Jorquera Pleno extraordinario 3 de decembro de 2021
Jorquera, a entrar no salón de plenos
O Goberno Local está “disposto” a “considerar o marco xurídico urbanístico”, mais tamén “os informes, recomendacións e suxestións” da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en relación aos terreos da Maestranza, respondeu esta tarde o concelleiro delegado de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, ao portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, na quenda das preguntas orais durante o Pleno do Concello deste xoves 2D.
Jorquera dille a Villoslada que o informe de Patrimonio ve obsoleto o PERI da Maestranza

Traducido, isto significa que o Goberno Local está disposto a tomar nota dun estudo que, segundo a interpretación de Villoslada, pide que se minimice a afectación que a construción de vivendas en dúas parcelas da Maestranza pode ter sobre os restos arqueolóxicos existentes nelas, pertencentes ao sistema defensivo amurallado da cidade.

Mais a xuízo do BNG o Goberno Local debería tomar nota da principal conclusión do estudo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que non é outra que considerar obsoleta a “vetusta ordenación do PERI” da Maestranza “fixada hai case 20 anos”, acorde a criterios hoxe “obsoletos e superados”. Unha ordenación que, segundo di textualmente o informe de Patrimonio Cultural, non tivo en conta a “sensíbel localización” na que se achan as parcelas. A obsolescencia do PERI vén dada pola súa inadaptación á diversa normativa de protección do patrimonio que se foi promulgando ao longo das últimas dúas décadas.

En función desa inadaptación, Jorquera pediulle ao concelleiro delegado de Urbanismo que impulse a reforma do PERI para, de acordo tamén coa demanda veciñal, “estes terreos seren cualificados como usos dotacionais públicos de espazo libre e zonas verdes”.

Na súa intervención, remarcou Jorquera que en orixe estes terreos eran comunais, foron cedidos ao Ministerio da Guerra e xa o Goberno Local os reclamara para a cidade á altura de 1840. Terreos, alén do máis, situados no ámbito de protección BIC, pois albergan restos do sistema defensivo amurallado do medievo e do barroco.

En definitiva, para o portavoz nacionalista o Goberno Local debe reformar o PERI que rexe na Maestranza e facelo non só polas directrices de Patrimonio, senón tamén para dar cumprimento ao Acordo de Investidura de Inés Rey asinado no seu día por BNG e PSdeG. Nel figuraba unha cláusula segundo a cal ambas forzas comprometíanse a solicitar ao Goberno Central e ao da Xunta a devolución ou cesión ao Concello dos terreos e instalacións da súa titularidade actualmente en desuso ou infrautilizados.

E estes terreos, xa liberados dos seus usos militares, son un claro exemplo. “Non estamos pedindo ao Ministerio de Defensa que nos faga ningún favor. Estamos esixindo que devolva o que é noso, de todas as coruñesas e coruñeses”, concluíu.

A ocultación do informe do Instituto José Cornide

“Esa acusación é radicalmente falsa. O Goberno Local non ocultou o documento”, respondeu Jesús Celemín, concelleiro delegado de Memoria Histórica a Francisco Jorquera, quen o inquerira sobre por que razón o Executivo coruñés ocultou o informe do Instituto José Cornide cando argumentou o seu voto contrario á moción defendida polo BNG no Pleno de novembro para pedir a retirada de honras e distincións de que aínda goza o alcalde e represor franquista Sergio Peñamaría de Llano.

“Para non facer ocultación, disimularon moi ben”, replicoulle Francisco Jorquera.

Din que non ocultaron o informe cando se negaron a apoiar a nosa moción de retirada de honras a Sergio Peñamaría de Llano, pero o Goberno Local, como revelou un medio de comunicación local, tiña ese “estudo rigoroso e fundamentado” desde novembro de 2020, denunciou Jorquera.

Insistiu Celemín en que “temos un rascuño, non un informe”, pois este non tería sido aprobado polo plenario do Instituto José Cornide, argumento que obtivo esta réplica por parte de Jorquera: “Non se pode deixar esmorecer o instituto e escudarse logo en que o padroado, que leva moito sen se reunir por esa falta de atención por parte do Concello, aínda non o refrendou”.

Mediación do Goberno Local entre Xunta e Estado

“Fica sen resolver a cuestión das indemnizacións ás que teñen dereito as persoas mariscadoras polo cesamento da súa actividade profesional durante o tempo que duren as obras de dragaxe da Ría do Burgo”, dixo Jorquera ao interpelar a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, sobre a disposición do Goberno Local á hora de mediar entre Xunta e Estado para garantir que esas compensacións efectivamente se produzan.

“Non temos competencias [na materia], mais incrementaremos os contactos coas dúas administracións”, respondeulle Fontán a Jorquera. “Non podo estar máis de acordo con vostede”, díxolle.

Xunta e Estado pasan a pelota a unha a outra, mais as compensacións continúan sen se concretar. O BNG continuará a fiscalizar o rol de cada unha destas administracións en defensa dos dereitos do colectivo das persoas mariscadoras e agarda que as palabras de Fontán se traduzan efectivamente en que os dereitos das persoas mariscadoras se vexan satisfeitos.

 

 

 

 

Jorquera dille a Villoslada que o informe de Patrimonio ve obsoleto o PERI da Maestranza