Inicio de curso: improvisación, obras sen acometer, redución de docentes, prezos máis altos

Inicio de curso: improvisación, obras sen acometer, redución de docentes, prezos máis altos

A Coruña, 11 de setembro de 2012.- “Este inicio do curso escolar é moito máis grave dada a improvisación á que somete o ensino o Partido Popular, tanto a nivel central, como galego como municipal”. Así comezou María Xosé Bravo, concelleira do BNG, a rolda de prensa en que avaliou o comezo do curso. “Os recortes en educación demostran que o PP non acredita no ensino público como a mellor ferramenta de igualación social e para combater a desigualdade”, denunciou. A continuación, a nacionalista debullou os recortes que conlevarán unha gran perda na calidade do ensino público:

Menos docentes. A concelleira nacionalista comezou a rolda criticando os recortes en profesorado. Auméntase a carga lectiva dos docentes que teñen praza e déixanse 800 interinos e interinas na rúa. Insistiu na falta de profesores de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe, aqueles que atenden os nenos e nenas que máis o precisan. Vanse dar casos en que estes profesores de PT e AL van compartir centros que, en boa parte dos casos, se atopan afastados. Dicilmente poderán, nestas condicións, atender con calidade o alumnado que máis o precisa.

Profesorado sen cubrir. Bravo alertou de que por vez primeira non haberá profesorado itinerante que cubra as reducións de xornada, que poden ser de até 12,5 horas. Até este curso, explicou, a Consellaría de Educación enviaba aos centros docentes itinerantes para cubrir estas reducións de xornada.

Persoal interino e substituto comezará ao mesmo tempo que o alumnado. Tamén censurou a improvisación no que respecta ao inicio do curso. E é que o persoal interino e substituto non comezará en Infantil e Primaria até mañá, o mesmo día que inician o curso os e as escolares, mentres que o persoal con praza contou desde o día 3 de setembro con tempo para poder planificar as programacións e para coidar de que a chegada do estudantado ás aulas sexa o máis frutífera posíbel.

Máis alumnado por aulas. No caso de Primaria e de Infantil, cunha ratio de 25 alumnos e alumnas, non se computan nin ó estudante repetidor nin as matrículas novas. Así, poderían darse casos de aulas con 29 alumnos e alumnas.

Obras sen reparar. Lembrou Bravo que, segundo os datos oficiais da liquidación do orzamento de 2011, o Goberno do Sr. Negreira deixou sen executar en obras 750.000 euros na partida de obras e melloras en colexios. A nacionalista aludiu a desperfectos que non foron reparados, e puxo o exemplo do caso de Prácticas, con grandes fendas desde antes do remate do curso.

Sen comedor? A improvisación da Xunta de Galiza en comedores escolares tamén foi denunciada por Bravo. Precisamente, na cidade, os pais e nais do Ramón de la Sagra e do María Pita aínda descoñecen, na véspera do inicio do curso, se poderán levar os seus fillos e fillas ao comedor do colexio de xordos, como en anos anteriores.

Suba do IVE de 17 puntos. Non esqueceu a nacionalista a suba do IVE, o imposto máis inxusto, que o Goberno do Sr. Rajoy subiu en 17 puntos para o material escolar que, gravado cun IVE do 4 por cento, pasou a ser gravado cun IVE do 21 por cento.

Libros de 4º da ESO a 400 euros. Bravo advertiu de que a pasada campaña escolar foi a derradeira en que quedaba algún curso co sistema de libros gratuítos vixente. Criticou que o PP eliminara este modelo de empréstito do bipartito e advertiu do alto custo dos libros de texto. Só en 4º da ESO chegan a valerlles aos pais e nais ao redor de 400 euros.

Suba do comedor escolar nun 112%. Denunciou a nacionalista o incremento do comedor escolar das escolas infantís xestionadas pola Xunta de Galiza nun 112%, de 33 a 70 euros, un aumento inaceptábel en tempos de grave crise.

Aumento do prezo das escolas infantís da Xunta e das municipais. Puxo de manifesto Bravo o incremento das tarifas das escolas infantís, tanto da Xunta de Galiza, de case un 50 por cento, como das municipais, dun 6 por cento.

Familias no paro, sen praza. A concelleira do BNG lembrou que neste curso moitas familias cun dos seus membros, ou todos no paro, non terán posibilidade de levar os seus fillos e fillas ás escolas infantís, dado o cambio de baremo executado polo Goberno do Sr. Negreira. Este novo baremo prima as familias con membros con emprego en detrimento das familias cuxos membros se atopan no paro.

Ningunha escola infantil nova. Bravo referiuse, tamén, ás escolas infantís prometidas polo PP en campaña. De oito escolas, lembrou, o Goberno do Sr. Negreira admitiu que só construiría tres. Porén, máis dun ano despois de iniciar o mandato, A Coruña non conta con ningunha nova escola infantil.

O Goberno do Sr. Negreira ocúltalle á cidadanía o número exacto de familias que ficaron sen matricular os seus fillos e fillas

Despois de denunciar os recortes que sufrirán as familias coruñesas no inicio do curso escolar, Bravo informou os medios de comunicación de que o Goberno do Sr. Negreira lle negou ao BNG o número de petición de praza en escolas infantís municipais e o número de matrículas realizadas.

“Ou ben están a ocultarlle información á cidadanía, ou ben nin sequera coñecen canto alumnado solicitou praza e canto alumnado a obtivo”, sinalou. Segundo os datos que manexan os nacionalistas, o Goberno do Sr. Negreira deixou sen praza nas escolas infantís municipais ao redor de 700 nenos e nenas.

O BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a retomar o convenio coa Federación de ANPA para a xestión das actividades escolares

Por último, María Xosé Bravo emprazou o Goberno local, nestas semanas en que estará preparando o orzamento de 2013, a rectificar e a retomar o convenio asinado, nos últimos anos, entre o Concello e a Federación de ANPA para realizar e coordinar as actividades extraescolares, como Luditarde ou Deporte no centro.

O modelo de actividades extraescolares do PP, que rexeitado pola meirande parte da comunidade educativa, rebaixou a calidade deste servizo e supuxo un forte recorte no salario dos e das monitoras de luditarde, que pasaron de cobrar pouco máis de 14 euros, a cobrar pouco máis de 7.

Inicio de curso: improvisación, obras sen acometer, redución de docentes, prezos máis altos