O Goberno municipal confirma un atraso monumental na publicación do contido normativo do PXOM

O Goberno municipal confirma un atraso monumental na publicación do contido normativo do PXOM

A Coruña, 6 de xuño de 2013.- O Goberno municipal confirmou na sesión plenaria desta mañá un atraso monumental na publicación do contido normativo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), xa que o conselleiro de Urbanismo admitiu que aínda non lle fixo chegar á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o documento refundido que, necesariamente, ten que introducir os cambios substanciais recollidos na Orde da Xunta de Galiza de 25 de febreiro de 2013.

Na súa intervención, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que “pasaron máis de tres meses desde a aprobación definitiva e condicionada da Xunta de Galiza do PXOM e aínda non se publicou o seu contido normativo, de modo que o acordo de aprobación non é eficaz”. O nacionalista engadiu que, ao non ser publicado aínda no BOP, o Plan Xeral aínda non pode executarse.

Carril, que aludiu á amizade do Goberno municipal co Sr. Fontenla, sinalou que o atraso se debe “aos cambios de fondo e de calado aos que a Xunta de Galiza condicionou a aprobación definitiva do plan, tal e como xa alertara, no seu día o BNG”. Salientou que a Orde antes citada “era moi rotunda respecto das modificacións a introducir e condicionaba o plan á introdución desas modificacións e a un documento refundido cos cambios que, á vista do atraso, non eran as meras cuestións formais nas que se escudabao Sr. Negreira, senón que eran modificacións substanciais”. “A pesar dos eufemismos e das palabras edulcoradas, o Sr. Negreira xa non pode negar o evidente: os cambios impostos pola Xunta de Galiza ao PXOM non eran simples matizacións nin modificacións menores, senón cambios substanciais”, insistiu.

Por último, o portavoz nacionalista volveu pedirlle ao Goberno municipal que, por unha cuestión de seguridade xurídica, o PXOM volva, de novo, ao Pleno, ao ser o único órgano competente para a aprobación do documento refundido, cos cambios e modificacións sinaladas na Orde de 25 de febreiro de 2013. “Xa lle presentamos un escrito ao alcalde neste sentido e agora volvemos pedirllo”, concluía Carril.

O Goberno municipal culpa as técnicas do desmantelamento dos servizos sociais comunitarios nos centros cívicos

En resposta á pregunta oral formulada pola edila do BNG María Xosé Bravo, o Goberno municipal culpou as técnicas municipais do desmantelamento dos servizos sociais comunitarios nos centros cívicos. A centralización deste servizo, que se prestaba, até de agora, nos centros cívicos, “salió de mis trabajadores, de los técnicos, que son los que saben”, contestou o concelleiro do ramo, quen xustificou a derivación deste labor aos centros cívicos de Monte Alto, de Catro Camiños e do Ágora dicindo que a nosa cidade “no es Nueva York, ya que se recorre en quince minutos y el bus cuesta 33 céntimos”.

Pola súa banda, María Xosé Bravo afirmou que coa centralización “en lugar de levar a atención social cara ás persoas, vostedes afastan os servizos sociais de quen os precisa: persoas afeitas a determinadas rutinas, persoas maiores, con mobilidade reducida, con trastornos mentais...”. “Gustaríanos saber cantas son as citas fallidas e canta xente que ten cita nas unidades de atención social non asiste, porque, segundo puido saber o BNG é menos do 50%”, sinalou, sen recibir resposta do edil de Servizos Sociais.

A concelleira do BNG centrou na súa intervención en criticar a eliminación do profesional de referencia, da traballadora social que orientaba e acompañaba en todo o proceso, un perfil fundamental nos servizos sociais. Lembrou Bravo que a necesidade de contar con esta profesional de referencia está recollida na lexislación, tanto na Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galiza e no Decreto 99/2012 que regula os servizos sociais comunitarios.

A nacionalista pediulle ao conselleiro responsábel de Servizos Sociais que “escoite a quen sabe e diranlle que tanto usuarias como profesionais perderon coa centralización dos servizos sociais; escoite a quen sabe e pediranlle que non desmantele ese traballo interdisciplinar tan valioso que tiña lugar nos centros cívicos; escoite a quen sabe e pediranlle, tamén, que restitúan o Equipo de Inclusión, dos que dependía a RISGA, a tramitación, as visitas domiciliarias, o seguimento...”, engadiu, “este traballo supón unha sobrecarga para as profesionais e atraso na tramitación, xa que hai RISGAS que levan 2 meses paradas e persoas con situacións dramáticas, coa auga ao pescozo”. “Escoite, por favor, as auxiliares administrativas, que non queren nin deben ser o primeiro filtro nos servizos sociais comunitarios”, engadiu. “Vostedes só acertan cando rectifican!”, exclamou a concelleira do BNG.

María Xosé Bravo continuou a súa intervención reclamándolle ao Goberno municipal que cambie a forma de traballar co fin de priorizar as accións preventivas e o enfoque comunitario das accións. “É básico actuar sobre as causas dos problemas sociais”, concluíu.

O Goberno municipal non concreta ningunha medida para resolver as necesidades de vivenda das persoas desaloxadas do Ofimático

Ademais, en resposta á pregunta oral formulada pola edila Avia Veira, o Goberno municipal renunciou a concretar ningunha medida para resolver as necesidades de vivendas das persoas desaloxadas do Ofimático. Precisamente, a concelleira do BNG púxolles rostros ás persoas que van ser expulsadas, a “Manolo, que ten 85 anos, vive na súa casa co seu fillo, desempregado de longa duración, e coa súa compañeira. Eles, a súa filla Charo e mais o seu xenro Fernando non deixaron nunca de loitar para que o seu pai e o seu sogro, que se ve obrigado a saír da casa que construíu coas súas propias mans cos cartos que gañou traballando arreo, poida ser realoxado noutra casa na contorna de Galán”; a José Antonio e mais a Estrella que “tamén viven aló, teñen tres fillos, cinco netos e un máis en camiño”; a Álvaro, que se enfronta “a quen for con tal de defender o fogar dos seus pais, igual que María, igual que Loli, igual que Jose, igual que Pilar...”.

“Estes son eses aos que vostedes lles chaman promotores, aqueles aos que vostedes lles dixeron que o Goberno municipal está para solucionar os problemas de vivenda, non outro tipo de problemas, sinalou Avia Veira, “pois ben, terán que saber, que non teñen onde ir se marchan da súa casa, desa casa que logo van tirar para construír un parque Ofimático que non significa progreso porque pasa por riba destas persoas e das súas vivendas sen lles ofrecer realoxo digno e real no lugar”.

A concelleira do BNG explicou que “malia ter unha parcela no polígono, estas persoas non teñen cartos nin outra casa para ir vivir a outro lugar nin para construír a súa nova casa; os cartos retenllelos o Concello para lles xirar as cotas de urbanización”. Denunciou que o Goberno municipal, ao contrario do que fai coas persoas desaloxadas, non lles cobra as cotas con premura nin á Xunta nin ás grandes promotoras. “Aquí, coma sempre, o peixe grande (é dicir Fontenla, para o que si que hai tempo e posibilidades de modificar o plan parcial do Ofimático e darlle máis aproveitamento urbanístico) come o pequeno”, sinalou. “Haberá incluso familias ás que lles quedarán 120.000 € ou 49.000 € a deber ao Concello pola diferenza entre a súa indemnización e as cotas de urbanización”, engadiu.

Por último, Avia Veira criticou que o alcalde asinara un Decreto (achégase xunto á nota) que enviou ao Contencioso para obter o permiso para desaloxar estas persoas das súas casas. “Até que vostede non retire ese Decreto directivo e lle solicite ao Contencioso que paralice o desaloxo, eles non poderán falar con vostedes en condicións dignas”, concluíu.

O Goberno municipal confirma un atraso monumental na publicación do contido normativo do PXOM