RESPOSTAS ÁS PREGUNTAS DE FRANCISCO JORQUERA NO #PLENOXANEIRO

O Goberno Local pon prazos á creación do Consello Económico e Social, pero non á demanda pola Casa Cornide

FJ
A intención do Goberno Local é que o Consello Económico e Social da cidade, proposta do BNG asumida polo Executivo coruñés, se constitúa neste 2022, a ser posíbel no primeiro semestre do ano, respondeu o portavoz socialista José Manuel Lage ao voceiro do Bloque en María Pita, Francisco Jorquera.
O Goberno Local pon prazos á creación do Consello Económico e Social, pero non á demanda pola Casa Cornide

En troca, o Goberno Local –desta volta por boca do concelleiro de Memoria Histórica, Jesús Celemín- foi incapaz de pór un prazo á presentación por parte do Concello dunha demanda xudicial para conseguir a recuperación da Casa Cornide.

“Que fixo o Goberno Local para dar cumprimento ao acordo de impulso da creación do Consello Económico e Social?”, preguntou Francisco Jorquera na sesión vespertina deste primeiro Pleno de 2022.

“Pois fixemos aquilo ao que nos comprometéramos co BNG. Dar pasos para que o Consello Económico e Social sexa unha realidade”, respondeu Lage.

O portavoz do Goberno Local sinalou que a intención do Executivo é a de que o CES vexa a luz este 2022, a ser posíbel no primeiro semestre. E nese sentido, anunciou que as conclusións do estudo encargado á Escola Universitaria de Relacións Laborais chegarán nos próximos días á Comisión de Economía e Facenda do Concello. “Cremos que a Escola de Relacións Laborais está chamada a xogar un papel relevante. Pero non abonda. Hai que dar máis pasos”, dixera Jorquera. “A creación do Consello Económico e Social”, remarcara, “non é unha proposta só do BNG. É unha aspiración de distintos axentes sociais da nosa cidade”.

Canto á Casa Cornide, Jorquera optou polo rexistro irónico na súa pregunta a Jesús Celemín.

“Vai iniciar o Goberno Municipal accións legais antes do remate do século XXI para recuperar a Casa Cornide?”, inquirira Jorquera. “Vai, vai”, respondeu Celemín. “Vai antes do remate do século XX, non teña dúbida. Ui, perdón, do século XXI”, precisou. “Quedamos máis tranquilos”, dixo retranqueiro o voceiro nacionalista.

O BNG xa levou este asunto ao Pleno en diversas ocasións e continuará a facelo mentres non se inicien accións xudiciais. En realidade, o Goberno Local recibiu o encargo do Pleno de ir aos tribunais para devolver a Casa Cornide ao patrimonio municipal –o palacete até foi sede do Concello- á altura de setembro de 2019, na primeira sesión plenaria deste mandato, cando a Corporación aprobou unha moción precisamente do Bloque.

E, máis de dous anos despois, a demanda continúa sen ter sido formalizada, a pesar de que –remarcou Jorquera na súa intervención- o Goberno Local dispón dun estudo histórico desde o verán de 2020  e dun informe xurídico desde decembro de 2020.

Mais o Goberno Local continúa sen formular a demanda, sen que tampouco Celemín fose quen de avanzar algún prazo. “A demanda estará cando os técnicos e xuristas finalicen o seu traballo”, dixo evasivo, ao tempo que aludiu á necesidade de inventariar o contido do inmóbel.

Celemín non só non foi quen de definir un horizonte temporal, senón que animou o BNG a “achegar calquera suxerencia ou documentación” que puidese ser de interese para dar corpo á demanda. Para o grupo municipal nacionalista, o Goberno Local opta por dar largas nun asunto xa suficientemente esclarecido –estudo histórico e informe xurídico nas súas mans- desde hai máis dun ano.

 

 

 

O Goberno Local pon prazos á creación do Consello Económico e Social, pero non á demanda pola Casa Cornide