RESPOSTAS ÁS PREGUNTAS ORAIS DO BNG

O Goberno Local non esclarece se apoia a venda de parte dos activos do porto ou se vai estudar a xestión directa dos buses

Avia
O concelleiro de Urbanismo Juan Díaz Villoslada eludiu esclarecer se o Goberno Local ten no horizonte o estudo da xestión directa do transporte público urbano, comprometida no Acordo de Investidura co BNG, e se comparte ou non a hipótese de privatización de parte dos activos do porto contemplada no informe elaborado pola UDC a petición do Concello.
O Goberno Local non esclarece se apoia a venda de parte dos activos do porto ou se vai estudar a xestión directa dos buses

Iso é o que se tira das respostas dadas polo membro do Goberno Local a preguntas orais formuladas a ese respecto pola concelleira do BNG Avia Veira.

Sobre o transporte público urbano, Villoslada avanzou que neste mes de marzo o Goberno Local terá un borrador da Ordenanza de Mobilidade, ao tempo que anunciou que “xa estamos en fase de encargo do proxecto técnico, da plataforma de transporte público para a rúa Juan Flórez”, isto é, do carril bus.

Mais non fixo ningunha alusión ao estudo da hipótese de o Concello apostar pola xestión directa do transporte público urbano, tendo en conta que, como enfatizou Avia Veira, “o fin da concesión á Compañía de Tranvías está á volta da esquina (2024)”.

Villoslada avanzou que neste mes de marzo o Goberno Local terá un borrador da Ordenanza de Mobilidade

Recordou Veira que o estudo da xestión directa do servizo de buses é un dos compromisos que contraeu o grupo socialista co BNG ao asinar en xuño de 2019 o acordo que fixo viábel a investidura de Inés Rey como alcaldesa.

Despois da sentenza favorábel ao Concello pola rebaixa das tarifas do bus, e a pesar de esta ser recorríbel, “vaise despexando o horizonte xudicial coa Compañía de Tranvías”, subliñou Veira. En todo caso, engadiu, con independencia dos avatares nos tribunais, hai moitas tarefas pendentes para mellorar o transporte público urbano. “O aumento das frecuencias, a ampliación de horarios, a reordenación das liñas”, dixo Veira. Na súa resposta, Villoslada, alén de se referir ao carril bus, dixo que o Goberno Local traballa “nas novas liñas 21 para Novo Mesoiro e na liña 11 exprés entre a Praza de Pontevedra, Agrela e Marineda”.

Canto ao deseño da nova fachada marítima da cidade –isto é, a transformación do solo portuario após a súa desafectación polo traslado de actividades á dársena exterior-, Avia Veira inquiriu o Goberno Local sobre até que punto asume como propio o informe elaborado pola UDC, feito precisamente a instancias do Executivo coruñés.

Villoslada cualificou o informe de “documento aberto”, de punto de partida para o debate, se ben dixo que o Goberno Local partillaba boa parte das súas liñas filosóficas principais. Veira, por súa parte, dixo que o BNG tamén compartillaba algúns dos seus elementos básicos por participaren do consenso cidadán a respecto do que se debe facer cos terreos do porto interior.

Mais o problema está na letra pequena do Informe da UDC, advertiu. E aí o BNG repara na existencia de “cuestións que para nós xeran disenso”. Basicamente dúas. A primeira, a consideración que se establece no documento académico segundo a cal a condonación da débeda produciría un dano reputacional ao porto. “Non o compartimos. Que dano reputacional lle produciu ao porto de Valéncia?”, preguntouse Viera.

Na letra pequena do informe da UDC é onde atopa o BNG "cuestións que para nós xeran disenso"

A segunda das obxeccións que pon o BNG ten a ver co feito de que no informe se deslice o escenario de venda de parte dos terreos públicos –isto é, de privatización de activos- ou a consideración de que os usos residenciais –ou sexa, a construción de vivendas- sexa a única actividade posíbel para que a zona II –San Diego- “unha vez desafectada e reordenada, teña vida e non se converta nun páramo”.

“Estas son cuestións que claramente se escapan do consenso e o concelleiro debería explicar o grao de acordo que ten o Goberno Local con estes aspectos do informe da UDC”, dixo Veira.

Mais na súa resposta Villoslada eludiu toda referencia a se comparte ou non o escenario de privatización de parte dos activos do porto –defendido tamén recentemente polo presidente de Portos do Estado.

Sobre a condonación da débeda, si dixo asumir a proposta da UDC de creación dunha nova entidade que se subrogue o débito do porto para a súa eventual liquidación.

 

 

O Goberno Local non esclarece se apoia a venda de parte dos activos do porto ou se vai estudar a xestión directa dos buses