O Goberno local instalou dúas fontes na Gaiteira, no canto da prevista, e superou en 5.000€ o gasto

O Goberno local instalou dúas fontes na Gaiteira, no canto da prevista, e superou en 5.000€ o gasto

A Coruña, 27 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de ter coñecemento dunha resolución que revela que a fonte para mascotas instalada hai uns meses na rúa da Gaiteira -foi colocada con posterioridade á remodelación desta rúa- custou un total de 6.459,14 euros. O Bloque denuncia o gasto destes 6.459,14 euros nunha fonte exclusiva para mascotas cando no proxecto de remodelación integral da rúa da Gaiteira estaba recollida unha fonte por valor de 1.406 euros que contaba con dúas billas adaptada a dúas alturas e cunha zona inferior con cubeta para mascotas. O Goberno do Sr. Negreira instalou esta fonte mais sen as características sinaladas no proxecto, é dicir, sen as dúas billas a dúas alturas e sen a cubeta para mascotas.

A memoria do proxecto, lembra o Bloque, recollía que “co fin de respostar a todos os requirimentos que se pretende cubra un elemento destas características, debendo dar servizo tanto a persoas adultas como a nenos e especialmente ser axeitada para o seu uso por persoas en cadeira de rodas sen constituírse un elemento de difícil detección por invidentes e finalmente, dar tamén servizo de auga para as mascotas, tamén se deseña un modelo especial de fonte” (páxina 17 da memoria (Tomo I) da remodelación integral da rúa da Gaitiera). Porén, o Goberno municipal obviou o recollido na memoria e optou por multiplicar innecesariamente gastos, instalando as dúas fontes, en lugar da multifuncional de 1.406 euros, e superando nuns 5.000 euros o orzamento inicialmente estabelecido.

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG recolle as protestas da veciñanza quen, a través da Asociación de Veciñas e Veciños Oza-A Gaiteira-Os Castros, denunciaran a supresión da fonte realizada en pedra e forxa que levaba toda a vida na Gaiteira cando se remodelou esta rúa. Precisamente, a entidade veciñal reclamoulle ao Goberno do Sr. Negreira, sen éxito, que restituíse a fonte orixinal. Ademais, a asociación tiña amosado o malestar da veciñanza pola dilapidación de cartos públicos en substituír o antigo mobiliario da Gaiteira, que presentaba un correcto estado, cando se reformou a rúa.

O Goberno local instalou dúas fontes na Gaiteira, no canto da prevista, e superou en 5.000€ o gasto