O Goberno do Sr. Negreira gastou cartos públicos en publicidade da Laponia até en Oviedo e Bilbao

O Goberno do Sr. Negreira gastou cartos públicos en publicidade da Laponia até en Oviedo e Bilbao

LaponiaA Coruña, 15 de xaneiro de 2014.- Semanas despois da clausura do poboado lapón, o Grupo Municipal do BNG segue a ter coñecemento de novos gastos, que se suman aos 70.785 euros da construción da Laponia. En resposta a unha pregunta escrita do BNG, o Goberno do Sr. Negreira admitiu que, a través do Consorcio de Turismo, contratou un total de 125 valados publicitarios (co logotipo do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña) por 21.628,75 euros para difundir e dar a coñecer o poboado.

Tal e como sinala o Goberno municipal na resposta, os valados contratáronse non só na contorna da Coruña, senón tamén en comarcas afastadas e mesmo fóra do país. Amais de na Coruña, o Goberno do PP pagou valados publicitarios en Sada, Miño, Malpica, Teo, Ordes, Boqueixón, Carballo, Ferrol, Lugo, Chantada, Foz, Monforte, Sarria, Ribadeo, A Rúa, Celanova, Verín, Ourense, A Estrada, Baiona, Nigrán, Pontevedra, Sanxenxo, A Guarda, Tui, Vigo, Redondela, Caldas de Reis, Bilbao, Gijón e Oviedo. Á vista destes datos, o Bloque considera un abuso que o Goberno do Sr. Negreira gaste cartos de todas e de todos en publicitar o poboado lapón nestes concellos, cando a posibilidade de que o valado actúe como efecto chamada en Concellos tan afastados é practicamente nula.

Outros gastos

Ademais, o BNG tivo coñecemento do gasto do Concello na contratación da animación para o poboado lapón, que ascendeu a 20.490,08 euros; do gasto de 12.576,35 euros para contratar o servizo de seguridade para o poboado; do gasto de 980 euros nas moedas de chocolate; do gasto de 2.178 euros do traslado de material para as actuacións do poboado; do gasto de 1.100 euros da actuación na inauguración da Laponia ou do gasto de 4.988,8 euros de recollida e montaxe da sinaléctica navideña do poboado.

O Grupo Municipal do BNG volve denunciar o malgasto de cartos públicos no poboado lapón, cando se trata dunha iniciativa que, tal e como sinalou o presidente da Federación de Comerciantes da Coruña, non supón retorno positivo ningún para o comercio. Con este tipo de actividades, que supoñen unha mala xestión dos cartos públicos na cidade galega en que máis medrou a pobreza (os últimos datos do IGE sinalan que a taxa de pobreza aumentou na cidade un 70%), o PP demostra que carece de ideas para reactivar o pequeno e mediano comercio da cidade, un dos sectores económicos máis golpeados pola crise.

O Goberno do Sr. Negreira gastou cartos públicos en publicidade da Laponia até en Oviedo e Bilbao