QUEREMOS UNHAS CONTAS SOCIAIS, QUE IMPULSEN A CREACIÓN DE EMPREGO E POÑAN OS BARRIOS NO CENTRO

A finais de decembro continuamos sen saber nada dos orzamentos para 2022

Conferencia prensa Jorquera orzamentos
“Vai rematar 2021 e dos orzamentos do Concello para 2022 non sabemos nada. É dicir, no suposto caso de que ao final se aproben, a aprobación definitiva vaise producir ben entrado o novo ano”, dixo esta mañá, en conferencia de prensa, o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.
A finais de decembro continuamos sen saber nada dos orzamentos para 2022

Que a esta altura do ano non se saiba nada dos orzamentos do Concello para 2022 representa un claro incumprimento do Acordo de Investidura de Inés Rey, asinado en xuño de 2019 polo BNG e o PSdeG, denunciou o voceiro nacionalista.

Segundo ese acordo, os orzamentos dun exercicio dado terían de se comezar a negociar no mes de setembro do ano anterior, cousa que manifestamente non ocorreu nin en 2020 –cando se decidiu, contra o criterio do BNG, a prórroga das contas- nin neste 2021.

Jorquera remarcou que o grave non é que se estea a incumprir a palabra dada –e asinada- ao BNG, senón que “se está a incumprir coa cidade”.

O portavoz nacionalista fixo unha valoración xeral sobre a situación política no Concello. Baixo o seu punto de vista, o BNG ten mantido unha “liña coherente no que levamos de mandato”, consistente en combinar o labor de fiscalización e oposición ao Executivo coruñés coa formulación de propostas, “tendo disposición a dialogar e chegar a acordos”.

Esa coherencia contrastaría coa actitude doutras forzas políticas. “Na primeira metade do mandato, asistimos a unha dinámica de confrontación estéril e paralizante entre o PSOE e a Marea”, considera Jorquera, para quen “agora asistimos a un diálogo entre o PSOE e a Marea que tamén ten visos de ser estéril e paralizante”.

“Na primeira metade de mandato, asistimos a unha confrontación estéril e paralizante entre o PSOE e a Marea. E agora asistimos a un diálogo entre PSOE e Marea con visos de ser tamén estéril e paralizante”, remarca Francisco Jorquera

E, nese sentido, puxo como exemplo o debate arredor da Área Metropolitana  -en agosto anunciaron un anteproxecto para setembro e estamos a finais de decembro e non hai rastro del nin tampouco se convocou a Comisión Especial constituída para levar o asunto. Esa dinámica de parálise estase a vivir tamén cos orzamentos, argüíu Jorquera. PSOE e Marea optaron por negociar entre eles, “excluíndo os restantes grupos”. Os resultados, á vista están: chegamos a fin de ano sen sabermos nada dos orzamentos.

Fomos excluídos das negociacións, mais non rachamos as vestiduras porque, explicou Jorquera, “sabemos cal é o noso peso numérico na Corporación e que non somos decisivos para aprobar os orzamentos, por moito que todo o mundo saiba que se as eleccións fosen hoxe a situación sería moi distinta”, engadiu, en alusión ás sondaxes que prognostican un aumento da representación do BNG na Corporación.

“O máis grave é que se está a incumprir coa cidade”, insistiu Jorquera, quen a seguir resaltou que “a cidade non pode ser refén dese xeito de facer as cousas”. É por iso que, anunciou, o BNG “non vai actuar así”. “Sabemos que temos a responsabilidade de ser a alternativa galega e progresista ao actual statu quo”, dixo.

Esa responsabilidade levou o BNG, xa no mes de outubro, a presentar “as nosas propostas para os orzamentos” e a trasladalas “ao Goberno Local e ao resto dos grupos da oposición”.

E é que a formación nacionalista, subliñou, continúa a ter disposición “a facilitar que haxa uns novos orzamentos”, mais sempre que esas contas para 2022 sexan sociais, poñan os barrios no centro das políticas municipais e estean comprometidas coa reactivación económica e a xeración de emprego.

“O máis grave é que se está a incumprir coa cidade”, insistiu Jorquera, quen a seguir resaltou que “a cidade non pode ser refén dese xeito de facer as cousas”.

O BNG quere que os orzamentos-2022 impulsen un Plan de Desenvolvemento da comarca da Coruña, en colaboración cos axentes sociais e outras administracións, para o cal propón a constitución do Consello Económico e Social da cidade.

Uns orzamentos de marcado carácter social, defende o BNG, e iso pasaría polo desenvolvemento dun Plan de Inclusión Social e por dotar de máis recursos a Renda Social Municipal e as Axudas dse Emerxencia Social.

As contas teñen que estaren comprometidas “co dereito á vivenda” e, por tanto, incluíren medidas como a potenciación dun banco de vivendas en alugueiro a prezo taxado, o impulso á rehabilitación ou o desenvolvemento dun Plan Municipal polo Dereito á Vivenda.

Nin un euro da Facenda local para Batería e Calvo Sotelo

E, por suposto, non debe ir nin un euro da Facenda local á compra de terreos, os peiraos de Calvo Sotelo e Batería, que xa son públicos. Os 15 millóns que pensa destinar o Goberno Local a esa adquisición teñen que ir a financiar un Plan de Rexeneración e Revitalización dos Barrios, unha proposta feita pública polo BNG o pasado mes de outubro e que este luns reiterou Jorquera.

A cultura –coa creación dun Consello Municipal ou co saneamento e posta a punto do edificio da Fundación Luís Seoane- e a lingua –cun plan para a plena normalización do uso do galego- son outros dos esteos que teñen que soster os orzamentos do Concello para 2022, ben como tamén a mellora das infraestruturas deportivas, con especial destaque para a conclusión e a posta en funcionamento do campo de fútbol de Eirís e o Complexo Deportivo do Castrillón.

Investimentos en medio ambiente –a modernización das instalacións de Nostián para a converter nunha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe- e a realización dun estudo sobre o modelo de xestión a e a revisión do mapa de liñas do bus urbano completarían as propostas do BNG para os orzamentos do Concello, pormenorizou Jorquera.

“Puxemos propostas sobre a mesa. Fixemos o noso traballo. Agora é o Goberno Local quen ten que facer o seu. Ínstoo, máis unha vez, a que presente o proxecto de orzamentos sen máis dilación”, concluíu.

 

 

A finais de decembro continuamos sen saber nada dos orzamentos para 2022