Escasa disposición do Goberno Local á hora de consensuar propostas sobre o bordo litoral

20210707_110429
20210707_110429
A Comisión Especial do Bordo Litoral realizou hoxe unha nova reunión no Pazo de María Pita e a conclusión que tira dela a concelleira do BNG Avia Veira é que o Goberno Local ten “pouca disposición” á hora de consensuar cos grupos municipais as súas propostas, en particular aquelas que porá sobre a mesa na vindeira cimeira inter-administrativa (coa Xunta e  o Estado) en relación ao futuro do porto e o deseño da nova fachada marítima da cidade.
Escasa disposición do Goberno Local á hora de consensuar propostas sobre o bordo litoral

“Hoxe soubemos por boca do concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, que o Goberno Local pensa levar á próxima comisión inter-administrativa un protocolo xeral de colaboración con vistas á constitución do ente que xestionará os terreos portuarios e o plan director do porto”, relata Veira.

O BNG pediulle ao concelleiro que fixese partícipe desa proposta de protocolo á Comisión do Bordo Litoral –onde están representados todos os grupos municipais-. Ese protocolo, ou os convenios que del se podan derivar, terá que ir a Pleno, “e por tanto se queren que nos comprometamos con el, o lóxico é que se nos permita ir facendo achegas xa no seo desta Comisión. Infelizmente, non parece que o Goberno Local teña moita intención de contar con todo o mundo”, remarcou.

Alén diso, a reunión deste mércores serviu para o BNG reforzar a súa percepción de que “o Goberno Local non está a ser o contundente que debera á hora de esixir a condonación da débeda do porto da Coruña, tal e como si se condonou o débito do porto de Valéncia”.

A reunión deste mércores serviu para o BNG reforzar a súa percepción de que “o Goberno Local non está a ser o contundente que debera á hora de esixir a condonación da débeda do porto da Coruña

“O concelleiro trasladou á Comisión as contas da Autoridade Portuaria que se aprobaron no último Consello de Administración. Nelas fica patente que a débeda continúa a ser un lastre moi pesado que compromete a viabilidade financeira do porto e que non haberá un novo horizonte portuario en tanto en canto non se resolver a cuestión da débeda”, analiza Veira.

Se non haber condonación, a ameaza da privatización de activos –de venda de terreos liberados de usos portuarios- sempre estará aí, denuncia a concelleira. “E nós ímonos opor sempre a esa privatización. Os terreos, en orixe gañados ao mar para cumpriren unha función asociada ao porto, unha vez desafectados teñen que manter sempre a súa titularidade pública e seren devoltos de forma gratuíta”, concluíu

 

Escasa disposición do Goberno Local á hora de consensuar propostas sobre o bordo litoral