O Edificio Conde de Fenosa, Santa Lucía e a axuda social municipal, preguntas do BNG

Superficies afectadas pola orde de derrubo no edificio Conde de Fenosa.
O Edificio Conde de Fenosa, Santa Lucía e a axuda social municipal, preguntas do BNG

A Coruña, 30 de outubro de 2015.- O BNG preguntará no vindeiro pleno sobre o edificio Conde de Fenosa, o mercado de Santa Lucía e a proposta de ordenanza de axuda social municipal.

O Grupo Municipal trasladará ao próximo Pleno de novembro unha pregunta para súa resposta oral relativa as actuacións que ten previsto realizar o Goberno municipal logo de aprobar o proxecto de demolición parcial e legalización do edificio de Fenosa en cumprimento da sentenza do TSXG sobre o Edificio Conde de Fenosa.

“Hai que facer pagar aos verdadeiros culpábeis do acontecido co edificio Conde de Fenosa, Francisco Vázquez e Martinsa-Fadesa”, indica Avia Veira

O cumprimento implicará o desembolso das arcas municipais de máis dun millón e medio de euros de todas e todos os coruñeses sen que por agora se lle tivera esixido ningunha responsabilidade aos verdadeiros culpábeis do acontecido, Francisco Vázquez e a empresa Martinsa-Fadesa.

As nacionalistas trasladarán nas outras dúas iniciativas a falta de investimentos nos Orzamentos da Xunta de 2016 para o mercado de Santa Lucía e o por que non se lle dá directamente ás persoas a axuda que se establece na proposta de ordenanza de axuda social municipal

Exterior do mercado de Santa Lucía

Outra das preguntas orais que levarán a pleno as nacionalistas é a falta de investimentos na proposta de orzamentos da Xunta para o ano 2016 para o mercado de Santa Lucía. Lembran, desde o BNG, que o 15 de outubro de 2014 asinouse un protocolo de colaboración entre o Concello da Coruña, a Consellaría de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde co obxecto de establecer un programa funcional para determinar os novos usos sanitarios do Mercado de Santa Lucía na Coruña. Asemade, o Pleno do Concello aprobou o 14 de setembro pasado, por unanimidade, unha moción onde se instaba á Xunta de Galiza “a incluír unha partida específica no seu orzamento de 2016 para levar a cabo as obras necesarias para o establecemento dos servizos de atención sanitaria no mercado de Santa Lucía...” no marco dese proxecto. Deste xeito o Grupo Municipal do BNG quere que medidas ten pensado tomar o Goberno municipal para facer cumprir os compromisos adquiridos a respecto do mercado de Santa Lucía.

Por último, a terceira pregunta que o Bloque formulará no vindeiro Pleno ten por obxecto saber por que o Goberno municipal entende que as persoas beneficiarias da axuda recollida na proposta de ordenanza de axuda social municipal, presentada días atrás, non poden administrala elas directamente, xa que, e tal e como se recolle no artigo 37.2 “o pago ordinario realizarase periodicamente aos acredores dos bens e servizos prestados ou a prestar ao beneficiario que consten no expediente,...”. En concreto, o BNG pregúntalle ao Goberno municipal por que entende que as persoas empobrecidas non poden recibir de maneira directa a axuda que establece o proxecto de ordenanza denominado “Renda Social Municipal”.

O Edificio Conde de Fenosa, Santa Lucía e a axuda social municipal, preguntas do BNG