SOBRE O DEREITO AO DESCANSO NO ORZÁN, A SITUACIÓN DE ISIDRO 1952 E O APOIO A SOS SANIDADE PÚBLICA

Si do Pleno de febreiro ás tres mocións do BNG

Francisco Jorquera e Avia Veira, á súa chegada ao Salón de Plenos
O Pleno do Concello da Coruña aprobou este xoves as tres mocións sometidas a debate a iniciativa do Bloque Nacionalista Galego.
Si do Pleno de febreiro ás tres mocións do BNG

A primeira delas, que foi defendida por Avia Veira, tiña como propósito a creación dunha Mesa de Traballo para impulsar medidas que permitan conciliar o ocio nocturno co dereito ao descanso da veciñanza do Barrio do Orzán. Foi aprobada cos votos favorábeis de PSOE, Marea Atlántica e Ciudadanos e a abstención do PP.

A segunda moción expúxoa no Pleno Francisco Jorquera e puña o foco na delicada situación da empresa Isidro 1952, a antiga Isidro de la Cal, e tiña como propostas básicas a inxección de recursos públicos na compañía para garantir o seu futuro e o mantemento dos postos de traballo. Obtivo o respaldo de PSOE, Marea Atlántica e Ciudadanos. O PP optou tamén pola abstención.

A terceira e última das mocións en ser defendida, tamén por parte de Avia Veira, procuraba o apoio do Concello á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública este domingo en Compostela. Foi aprobada cos votos do PSOE e da Marea Atlántica. Abstívose Ciudadanos e o PP votouna en contra.

Dereito ao descanso no Barrio do Orzán

“En 10 hectáreas do Orzán hai 75 locais de ocio nocturno, alén doutros establecementos de hostalaría”, explicou Avia Veira na quenda de defensa da primeira das tres mocións do BNG. O volume de ruídos é tal que “moitas veciñas teñen que se medicar” e “moitas familias víronse obrigadas a faceren reformas nas casas para afastar os dormitorios das zonas máis ruidosas”, relatou.

O problema decorre en boa medida da existencia de locais que non cumpren as ordenanzas municipais, nin as que versan sobre os requisitos de apertura nin as que regulan os niveis de ruído. Perante esta situación, o BNG propón unha Mesa de Traballo coa presenza de todos os axentes atinxidos por este problema —asociación de veciñas e veciños, hosteleiros, policía local...— para garantir o cumprimento da legalidade e para mesmo detectar hipotéticas deficiencias nas ordenanzas. En todo caso, Avia Veira deixou patente que por parte da Administración local hai unha “falta de control eficaz” que permite “que haxa locais onde o sonógrafo non está activado”. “Mesmo en áreas declaradas Zonas Acusticamente Saturadas operan locais sen licenza, valéndose da laxitude da Lei de Emprendemento que permite abrir durante 6 meses sen o preceptivo permiso”, arguíu a concelleira nacionalista.

Sobre a situación de Isidro 1952

Segunda moción do BNG. Toma a palabra o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, quen comeza a súa intervención a saudar a presenza na tribuna de convidadas de traballadoras e traballadores da antiga Isidro de la Cal.

“A situación de Isidro 1952 é moi parecida a que levou ao peche a Isowat. Agardamos que o desenlace non sexa o mesmo”, dixo Jorquera, quen criticou o desleixo do Goberno Galego á hora de tutelar a xestión dunha empresa á que se outorgaron por volta de 23 millóns de euros  en axudas públicas.

Isidro 1952 é unha empresa viábel e punteira. Cal é o problema? A deficiente xestión feita polos directivos da empresa, máis preocupados por apañar subsidios públicos que por garantir a solvencia dunha compañía que acabou afogada polas débedas. Jorquera deu un dato revelador: entre 2016 e 2018, o administrador única da firma, mentres se acumulaban os empréstitos, triplicou o seu salario até o situar nos 390.000 euros.

O BNG conseguiu o apoio do Pleno para unha moción que ten basicamente dous obxectivos: a) instar a Xunta de Galiza a que realice un control efectivo das axudas e créditos concedidos á empresa e b) conseguir que a Consellaría de Industria asigne os recursos públicos precisos para garantir a pervivencia da compañía e, consecuentemente, o mantemento dos postos de traballo.

E polo camiño o BNG continuará a fortalecer os instrumentos de que dispón o Concello para combater a desindustrialización, entre eles o Consello Económico e Social que se vai se pór en marcha este 2020 por iniciativa precisamente do Bloque e após selar un acordo co grupo municipal que dá soporte ao Goberno Local.

Sobre a mellora da Sanidade Pública

“En materia sanitaria, o Goberno Feixóo foi o auténtico liquidador do Servizo Galego de Saúde na nosa cidade”, comezou por dicir Avia Veira na defensa da terceira e última das mocións do BNG en ser debatida, a que procuraba, como de feito conseguiu, o apoio do Concello á manifestación deste domingo en Compostela da plataforma SOS Sanidade Pública.

Este é o balance que deixa na Coruña a década Feixóo no que atinxe a Sanidade Pública: “O peche de andares enteiros do Abente e Lago, o desmantelamento de 300 camas nos distintos centros hospitalarios e do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, ben como a ausencia de servizos pediátricos en moitos centros de saúde”, denunciou Veira.

A “cortina de fume” do anuncio dun novo hospital na cidade non agocha a contundente realidade dos recortes de Feixóo na sanidade pública na nosa cidade, remarcou a concelleira nacionalista, quen defendeu tamén revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal e como dispón a Lei Xeral de Sanidade.

 

Si do Pleno de febreiro ás tres mocións do BNG