Confírmase o que o BNG xa advertira cando votou en contra do orzamento de 2015

Confírmase o que o BNG xa advertira cando votou en contra do orzamento de 2015

A Coruña, 16 de xuño de 2015.-  O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego da Coruña lembra que xa advertira de que a previsión de ingresos prevista no orzamento de 2015 e realizada polo Goberno do Partido Popular era irreal e que algunhas das partidas de gastos resultarían insuficientes.

Dunha banda, para o BNG da Coruña, a previsión de ingresos era irreal pois o Goberno Municipal do Partido Popular prevía ingresar máis pola vía dos impostos sen ter en conta a situación económica, tal e como informou no seu momento o propio interventor, e pola vía do crédito, pensado para financiar o capricho da obra da Mariña e do Parrote, aumentando así o endebedamento do Concello da Coruña.

Doutra banda, as nacionalistas, que votaron en contra do orzamento municipal de 2015, lembran a súa denuncia canto á “insuficiencia” na  previsión dalgunhas partidas de gastos. Este é o caso da subvención á Compañía de Tranvías cuxo gasto excede á cantidade prevista inicialmente, tal e como aconteceu en anos anteriores, e foi advertido polo BNG. Neste sentido, o BNG demandaba a revisión da concesión da Compañía de Tranvías por ter unhas condicións leoninas para as arcas municipais: unha reivindicación que o Bloque manterá até que se revise este contrato. Tamén no capítulo de gastos, as nacionalistas tamén denunciaban o dispendio que supuxeron as obras da Mariña e do Parrote: que se prevía que chucharían o 21% do investimento dos orzamentos de 2015.

O estado de contas do Concello da Coruña confirma a nefasta xestión económica do PP, tal e como ten denunciado o BNG en numerosas ocasións

Así mesmo, o Bloque Nacionalista Galego da Coruña alude á “irresponsabilidade” do Partido Popular realizou unha falsa previsión de ingresos e de gastos sen ter en conta a situación económica, primando o dispendio das obras da Mariña e do Parrote no canto do emprego, os servizos sociais ou os barrios.

En definitiva, para o Bloque, o estado de contas do Concello da Coruña, dado a coñecer polo Goberno entrante a través dos medios de comunicación, confirma a nefasta xestión económica do PP: que nin foi eficaz nin foi eficiente.

Confírmase o que o BNG xa advertira cando votou en contra do orzamento de 2015