A Compañía de Tranvías despide un condutor por cumprir a norma de circulación e a seguridade viaria

A Compañía de Tranvías despide un condutor por cumprir a norma de circulación e a seguridade viaria

A Coruña, 20 de novembro de 2012.- O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, ofreceu unha rolda de prensa esta mañá para anunciar a presentación dunha batería de iniciativas en defensa das condicións laborais dos e das traballadoras da Compañía de Tranvías. “Mentres recibe cuantiosos beneficios por conta das subvencións do Concello, é dicir, por conta da cidadanía, a Compañía de Tranvías sobre explota os e as condutoras”, denunciou Carril, acompañado dun traballador despedido pola empresa, Sebastián Roibal, que levaba 12 anos empregado na Compañía de Tranvías, e do secretario comarcal da Federación de Transportes da CIG, Ernesto López Rei.

Carril explicou que Roibal foi despedido por negarse a incumprir a lei e as normas de seguridade viaria. “A Compañía de Tranvías despediu este condutor recorrendo á escusa da desobediencia por incumprir os tempos designados, mais o motivo é unha fraude, porque detrás deste incumprimento de tempos designados están as condicións de sobreexplotación que padecen os e as condutoras”, sinalou.

Carril insistiu en denunciar que os e as traballadoras están sobreexplotados e estresados por culpa das esixencias da Compañía de Tranvías, máis preocupada polos seus beneficios que por garantir a seguridade viaria e de circulación. Advertiu de que as facultades laborais destas persoas están mermadas pola presión á que se ven sometidas, feito que repercute na seguridade viaria e na circulación.

Ante esta situación, o portavoz do Grupo Municipal do BNG anunciou a presentación dunha serie de iniciativas encamiñadas a mellorar as condicións en que traballan os empregados da empresa concesionaria do servizo de bus urbano. En primeiro lugar, o BNG esíxelle á Compañía de Tranvías que readmita o traballador despedido. “Que sentido ten despedilo por, precisamente, cumprir as normas de circulación e por garantir a seguridade viaria?”, preguntouse Carril. Ademais, dado que o Concello lle dá axudas á Compañía de Tranvías (os orzamentos de 2013 contemplan 8 millóns de euros), o portavoz do BNG empraza o Goberno municipal “a non mediar nin a conciliar coa empresa, senón, directamente, a esixirlle que o readmita”. Tamén anunciou que os nacionalistas proporán que o Concello audite os tempos e examine en que condicións están a traballar os e as condutoras.

Roibal: “Despedíronme por negarme a facer o tolo, por non dar aceleróns e por non escaparlles ás mamás cos carriños do bebé”

Pola súa banda, o traballador despedido recentemente, Sebastián Roibal, deu conta dos motivos que levaron a empresa a botalo: 15 cortes de liña en nove meses na súa liña, a 1; é dicir, en 15 ocasións, o autobús que o seguía, colleuno. O “colmo” para a Compañía de Tranvías, tal e como explicou, foi non subir a beirarrúa nun atoamento á altura do Abente e Lago, cando un compañeiro doutro autobús si o fixo.

Roibal explicou que xa denunciara o caso á Inspección de Traballo dado que moitos dos condutores non teñen nin tempo para se levantar. Porén, a Inspección de Traballo nada fixo. “É visíbel como circulan os autobuses, dicíannos que un viaxeiro menos é un problema menos, así é que os buses escapan, habitualmente, das nais con carriños de bebé e pegan aceleróns continuamente para cumprir as esixencias da empresa”, sinalou. “É imposíbel cumprir os horarios se non se anda a fume de carozo”, engadiu. “Así é que moitas veces estabas na obriga de circular coma un tolo porque a Compañía de Tranvías esixe cumprir horarios pase o que pase”.

López Rei: “A Compañía de Tranvías non vai recoñecer presións, mais é certo que esixe cumprir horarios como sexa, chegando a recomendar correr, saltar semáforos, deixar xente na parada...”

O secretario comarcal da Federación de Transporte da CIG, Ernesto López Rei, advertiu de que a Compañía de Tranvías non vai recoñecer presións, “non lles di aos e ás traballadoras que corran, que salten os semáforos en vermello, que deixen usuarios e usuarios na parada... mais recoméndano para cumprir horarios”. “Os dirixentes da Compañía de Tranvías teñen unha mentalidade decimonónica e cavernícola”, criticou.

O responsábel da CIG-Transporte puxo como exemplo da explotación destes traballadores o caso da liña Especial Universidade, que é especialmente rendíbel e que se cobre por conta das horas extraordinarias que teñen que traballar os e as condutoras. “Unha vez rematan a quenda ordinaria, teñen que cubrir a liña universitaria en horas extras, chegando a facer até 12 horas”, denunciou.

 

A Compañía de Tranvías despide un condutor por cumprir a norma de circulación e a seguridade viaria