FRANCISCO JORQUERA NO #PLENOXULLO

O cesamento de Lanzada Calatayud vulnerou os estatutos do Consorcio ao ser asinado polo concelleiro e non polo Consello da entidade

Lanzada Calatayud, xerenta do Consorcio de Turismo cesada.
O cesamento de Lanzada Calatayud fíxose sen ter en conta os estatutos do Consorcio de Turismo segundo os cales a atribución para nomear ou separar a titular da Xerencia correspóndelle ao Consello desta entidade e non ao concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego.
O cesamento de Lanzada Calatayud vulnerou os estatutos do Consorcio ao ser asinado polo concelleiro e non polo Consello da entidade

Así o dixo esta tarde Francisco Jorquera durante o Pleno ordinario da Corporación, na quenda de preguntas orais ao Goberno Local.

Segundo explicou Jorquera, o artigo 12 dos Estatutos do Consorcio establece que é o Consello desta entidade quen ten a atribución de nomear ou separar a persoa titular da xerencia.

Porén, o cesamento de Lanzada Calatayud foi asinado polo concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, arrogándose por tanto unha competencia que de acordo cos estatutos do Consorcio non lle corresponde.

“É presentábel que unha persoa sexa cesada de xeito fulminante, sen sequera contar coa Xunta de Goberno do Consorcio que tivo que coñecer a noticia pola prensa?”, preguntou Jorquera.

O cesamento de Lanzada Calatayud foi asinado polo concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, arrogándose por tanto unha competencia que de acordo cos estatutos do Consorcio non lle corresponde

“Como se pode xustificar o cesamento apelando á necesidade dun novo contrato que dea estabilidade e reforce a Xerencia de Turismo?”, preguntouse Jorquera. “Dá estabilidade que no inicio da temporada alta de turismo, despois de meses de devalo da actividade por mor da Covid, a Xerencia fique descabezada?”, inquiriu o voceiro nacionalista.

E é que se se optar polo sistema de concurso para nomear unha nova persoa, como ten anunciado o Goberno Local, poderían pasar até seis meses até haber unha nova xerenta ou xerente, argumentou Jorquera.

“A non ser, claro está, que as razóns dadas para o cesamento sexan un pretexto para colocaren a quen xa tiñan decidido”, alegou.

Sen persoa á fronte da Xerencia, o BNG quere saber que vai pasar “cos múltiples proxectos que estaban iniciados ou en xestación” ou “co anunciado convenio coas axencias de viaxe, a posta en marcha do Coruña Convention Bureau, os proxectos vencellados co desenvolvemento da Ruta Picasso, o festival SAL, ou co Congreso de Turismo Literario ou a Cátedra de Turismo da UDC?”.

Se se optar polo sistema de concurso para nomear unha nova persoa, como ten anunciado o Goberno Local, poderían pasar até seis meses até haber unha nova xerenta ou xerente, argumentou Jorquera.

Preguntouse tamén Jorquera que significa que o motivo oficial do desestimento do contrato sexa a “inexistencia da recíproca confianza que debe existir entre ambas partes”. “Se é recíproca entón tampouco a señora Lanzada Calatayud tiña confianza no goberno, pero iso debería dicilo ela, non vostedes”, aduciu o voceiro nacionalista.

“Pero vostedes por que non tiñan confianza na señora Calatayud. Cales son as razóns concretas do cesamento?”, preguntou directamente.

Se non as aclaran –o concelleiro limitouse a responder que se precisaba unha mudanza de rumbo e que en ningún momento desde o Goberno Local se puxera en cuestión a profesionalidade de Calatayud-, “teremos que pensar que están intentando encubrir a falta de criterio e de proxecto en materia de turismo do Goberno Municipal, cobrándose a cabeza dunha boa profesional”.

Esa é unha opción. A outra é que “a señora Lanzada Calatayud” sexa “a cabeza de turco das súas liortas internas”. “E sexa como sexa non nos parece presentábel. Nin no fondo nin na forma”, concluíu.

Na súa resposta, Borrego dixo que o Goberno Local “dispón da potestade de levar a cabo as accións que considere necesarias para a consecución dos obxectivos que persegue. Neste caso, desde o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña”.

 

 

O cesamento de Lanzada Calatayud vulnerou os estatutos do Consorcio ao ser asinado polo concelleiro e non polo Consello da entidade