Carril: "O problema da Pasaxe non é de seguridade, senón da inexistencia dun mínimo de benestar"

Carril: "O problema da Pasaxe non é de seguridade, senón da inexistencia dun mínimo de benestar"

pasaxe webA Coruña, 19 de febreiro de 2015- “Aquí estamos: sanos e salvos”, así comezou Xosé Manuel Carril, cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, as declaracións aos medios que deu na Pasaxe tras pasar a noite no poboado chabolista acompañado de Anxo Sánchez, número 5 da candidatura. Carril continuou a súa intervención ante os xornalistas advertindo de que “os problemas que hai neste asentamento non son precisamente de seguridade, son outro tipo de problemas, principalmente, a falta de acceso a unha vivenda digna, ao emprego e a ter a posibilidade de vivir cun mínimo de benestar”. “Todo isto con independencia de que se investigue o que haxa que investigar e de que calquera tipo de acto delitivo que poida haber ten a nosa repulsa”, engadiu o nacionalista, quen salientou que “unha parte non se pode xulgar un todo”.

O tamén portavoz do Grupo Municipal do BNG sinalou que “os veciños e veciñas da Pasaxe recibíronnos de maneria moi hospitalaria e moi agarimosa, até o punto de que a noite nos visitaron e até nos trouxeron un radiador para que non tivésemos frío”. Carril explicou que con esta visita e coa pernoctación, o BNG-Asembleas Abertas, no marco da campaña #TodasAsCoruñas conclúe a xeira de visitas aos asentamentos precarios. “Despois de recalar nas Rañas e no Campanario (O Portiño), concluímos hoxe na Pasaxe para poñermos de manifesto que eles e elas tamén son veciñas da Coruña e que estes poboados son #TodasAsCoruñas”, afirmou. “Con esta xeira de visitas, quixemos por de manifesto que hai que apostar por plans de integración e inclusión social para cada un dos asentamentos, pois a situación segue a ser a mesma que hai 4 anos”, engadiu.

pasaxe web 2Nesta liña, Carril aludiu ás últimas iniciativas presentadas polo Bloque no Concello de cara a apostar por itinerarios personalizados de inserción integral en coordinación coas distintas Administracións, coas ONG e coa participación directa das familias afectadas. “Queremos garantir o dereito a unha vivenda digna nun contexto normalizado, mellorar as condicións de acceso ao emprego a través da educación e da formación e facilitar e garantir acceso á educación”, salientou.

“Durmín moito máis tranquilo na Pasaxe que durante as noites que durmín no portal de Aurelia, onde sabía que en calquera momento viría a policía desaloxarnos para efectuar o desafiuzamento”

Carril admitiu que “foi un pracer pasar a noite na Pasaxe” e aludiu ao desafiuzamento de Aurelia Rei, do que se cumpren dous anos: “dígovos, con toda sinceridade, que estiven moito máis tranquilo durmindo esta noite na Pasaxe que durante as noites que durmín no portal de Aurelia, xa que sabía que en calquera momento viría a policía desaloxarnos”. “Aquí sentinme completamente seguro porque tiña moi bos veciños”, engadiu.

Antes de darlle paso a unha das veciñas, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas puxo de manifesto que son algo máis de 40 as familias que viven no asentamento precario e que máis dun 90% das persoas carecen de medios de subsistencia. Así, “as iniciativas de traballo que hai nacen delas, como é o caso de Mulleres Colleiteiras, que naceu co seu esforzo e co apoio de Arquitectos Sen Fronteiras”.

Cristina, muller colleiteira: “Só temos acceso a 130 euros de PMAL (Plan Municipal de Axuda ao Alugueiro) para alugar unha vivenda pero aínda que cobremos os 400 euros da RISGA (Renda de Integración Social) non podemos alugar nada, pois quedaríamos sen cartos para comer”

web 3Precisamente Cristina é unha das mozas que participan na iniciativa Mulleres Colleiteiras e declarou ante os xornalistas que “coas axudas ás que temos acceso non podemos saír da Pasaxe, pois só temos acceso a 130 euros de PMAL (Plan Municipal de Axuda ao Alugueiro) para alugar unha vivenda pero aínda que cobremos os 400 euros da RISGA (Renda de Integración Social) non podemos alugar nada, pois quedaríamos sen cartos para comer”. E é que a axuda municipal ao aluguer é de 130 euros e con eses cartos teñen que buscar un piso no mercado de vivendas libre. “Aínda que queiramos, non podemos saír de aquí porque non temos axudas”, advertiu.

Preguntada polas crianzas da Pasaxe, Cristina sinalou que a práctica totalidade dos nenos e das nenas estás escolarizadas, mesmo os bebés asisten ás escolas infantís. Porén as dificultades non son poucas. Comezan, narrou, cando saen do poboado e teñen que atravesar a enorme poza que se forma na entrada do asentamento para coller o autobús, que para na parte de arriba do poboado. “Sacamos os nosos nenos con botas de auga para que atravesen a poza e nunha bolsa levámoslles outros zapatos para cambialos na parada do bus e que non teñan que ir cos pés mollados”, expuxo esta muller colleiteira, que tamén informou os medios do problema que teñen coas ratas, que proliferan entre as chabolas: “antes o Concellos desratizaba, agora xa non”.

Por último, en resposta ás preguntas dos medios e en relación aos sucesos dos que informou a prensa a pasada semana, Cristina puxo de manifesto que “non tiveron lugar aquí, aquí non pasou nada”. Lamentou que se informase de que os acontecementos tiveran lugar na Pasaxe cando non foi certo e advertiu de que hai persoas que están empadroadas no poboado pero que non viven nel.

Carril: "O problema da Pasaxe non é de seguridade, senón da inexistencia dun mínimo de benestar"