Carril esixe recuperar a concesión da ORA e do guindastre

Carril esixe recuperar a concesión da ORA e do guindastre

A Coruña, 24 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, insistiu hoxe na necesidade de que o Concello da Coruña recupere a concesión da ORA e do guindastre, tendo en conta as continuas perdas que supón para o Concello e dados os beneficios que supón para a concesionaria. De aí que anunciara a presentación dunha iniciativa ao respecto no próximo Pleno ordinario.

En resposta ás preguntas dos medios, Carril lembrou que, xa antes de ter coñecemento do "caso Pokemon", o Grupo Municipal do BNG reclamara a necesidade de revisar concesións como a da ORA e do guindastre, do servizo de autobús urbano ou do miradoiro e do ascensor de San Pedro.

Concretamente, no caso da ORA e do guindastre, desde que o Grupo Municipal do BNG tivo acceso aos datos liquidación desta concesión correspondente ao período decembro 2010 a setembro de 2011 (liquidación aprobada en Xunta de Goberno Local o 2 de decembro de 2011) Carril fixo fincapé, de xeito reiterado, na necesidade de recuperar o que denunciou como "unha ruína para á cidadanía da Coruña". Máis recentemente, este pasado mes de agosto, o Grupo Municipal do BNG deu conta da nova liquidación, aprobada en Xunta de Goberno Local do día 10, que revelou un déficit para o Concello de 377.314,75 euros entre decembro do 2011 e xuño do 2012.

Carril, que advirte de que en tres anos e medio a ORA e o guindastre supuxeron para o Concello -2.272.049,19 euros, considera unha irresponsabilidade non revisar unha concesión que, cando se outorgou no 2005, se fixo coa previsión de obter excedentes. "E a realidade é que dá continuas perdas para o Concello e continuos beneficios para a concesionaria", salientou.

O portavoz do BNG insistiu, unha máis vez, en que o Concello da Coruña ten que revisar as concesións administrativas, que obedecen aos intereses das empresas e non da cidadanía. "Trátase dunhas concesións leoninas para o concello, que nunca se entenderon, e menos agora, en época de crise", concluíu.

Carril apela á máxima transparencia e información a nivel de contratacións administrativas e adxudicacións no "caso Pokemon"

Tamén en resposta ás preguntas dos medios sobre o "caso Pokemon", Carril, na liña da máxima colaboración e en aras da máxima transparencia e información a nivel de contratacións administrativas e adxudicacións, puxo de manifesto que "se investigue o que faga falta" e que, se for necesario, "se facilite toda a documentación administrativa sobre as concesións da empresa, achegando os pregos de condicións, os informes técnicos municipais, as actas das mesas de contratacións e demais documentación administrativa".

Engadiu que "desde o momento en que está aberta unha actuación xudicial precedida dunha investigación policial hai que poñerse a disposición tanto das forzas e corpos de seguridade do Estado como do Xulgado que tramita a instrución".

Carril esixe recuperar a concesión da ORA e do guindastre