Bravo: "A erradicación do chabolismo non é unha cuestión policial, senón de servizos sociais"

Bravo: "A erradicación do chabolismo non é unha cuestión policial, senón de servizos sociais"

A Coruña, 15 de xullo de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo estivo na mañá de hoxe no poboado chabolista da Pasaxe, onde se presentaron dúas máquinas escavadoras e a policía local, enviados polo Goberno do Sr. Negreira. Bravo advirte de que a erradicación do chabolismo “non é unha cuestión de guindastres nin de policía, senón unha cuestión de Servizos Sociais”. Sinala que “esta mañá estaban no poboado, ademais de Arquitectos sen Fronteiras, que traballa co colectivo xitano, os axentes da policía e os técnicos de Urbanismo e faltaban, curiosamente, os que tiñan que estar, os técnicos de Servizos Sociais”.

A concelleira do BNG reivindica o traballo previo dos Servizos Sociais coas persoas que habitan as vivendas precarias da Pasaxe e que esta mañá se atopaban amedrentadas pola presenza das escavadoras e da policía. “Emprazamos o Goberno municipal a traballar nunha solución global cos colectivos sociais que traballan alí”, salienta María Xosé Bravo.

O Grupo Municipal do BNG formulou un rogo oral (achégase en aquivo xunto) no Pleno de xullo, que tivo lugar o pasado xoves, en que lle pregaba o Goberno municipal que dea a coñecer, se é que existe, o plano de erradicación do chabolismo na Pasaxe; que se informe de xeito colectivo as persoas afectadas para evitar situacións en que as familias chabolistas se sintan presionadas e que se teña en conta a visión e a colaboración das entidades sociais, como Arquitectos sen Fronteiras, que traballan na Pasaxe.

 

Bravo: "A erradicación do chabolismo non é unha cuestión policial, senón de servizos sociais"