Bravo denuncia o abandono ao que o Goberno municipal ten sometida a Fundación Luís Seoane

Bravo denuncia o abandono ao que o Goberno municipal ten sometida a Fundación Luís Seoane

A Coruña, 13 de febreiro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo chama a atención sobre o abandono ao que o Goberno municipal ten sometida a Fundación Luís Seoane. De feito, o edificio ten pingueiras e mesmo entra auga polas fiestras e polos teitos orientados cara o norte. "O desleixo do Goberno municipal é inaceptábel, sobre todo, tendo en conta que o edificio está a piques de cumprir 10 anos e que até ese momento a empresa construtora está obrigada a reparar os defectos de construción", advirte.

A edila nacionalista pon de manifesto que "hai días en que na entrada da fundación teñen que poñer caldeiros para recoller a auga das pingueiras do teito, un feito que ilustra o desinterese por parte do Goberno municipal coa obra e o legado do máis grande artista plástico que tivo este país".

María Xosé Bravo advirte de que o estado de abandona que sofre a Fundación Luís Seoane tamén ten relación cos "recortes terríbeis" dos orzamentos. A concelleira do BNG sinala que mentres nos orzamentos municipais de 2011 o anterior Goberno municipal dedicoulle á fundación 362.480 euros, mais os orzamentos de 2012, co PP no Goberno, recolleron 250.000 euros e os orzamentos de 2013 reduciron a partida a 230.000 euros. Así, entre o 2011 e o 2013, o Sr. Negreira recortou 132.480 euros á Fundación Luís Seoane, cifra que representa case un 40% menos.

Pola outra banda, a concelleira nacionalista lembra que durante o Goberno bipartito da Xunta de Galiza, a Consellaría de Cultura, da que era responsábel o BNG, asinou un convenio coa Fundación por importe de 100.000 anuais. Porén, desde a chegada do PP esa axuda foise recortando e neste momento é de 15.000 euros. "Trátase dun recorte inadmisíbel do 85%", sinala Bravo.

Ante esta situación, a concelleira do BNG anuncia a presentación dunha batería de iniciativas co fin de que Goberno municipal emprace a empresa a reparar os desperfectos do edificio da fundación.

O PP tombara unha iniciativa do BNG para que as obras do artista patrimonio da caixa ficasen na Fundación Luís Seoane

María Xosé Bravo lembra que o Goberno municipal nin sequera permitiu debater no Pleno de decembro de 2011 unha moción presentada polo BNG para que as obras de Luís Seoane que pertencían á caixa galega ficasen depositadas na fundación que leva o seu nome. Deste xeito, as nacionalistas reclamaban preservar o patrimonio artístico de Nova Galicia Banco para evitar a súa dispersión no futuro, o que será unha irreparábel perda para Galiza.

Nesta iniciativa, a propia concelleira do BNG avogaba por que o Concello rescatase para A Coruña a obra de Luís Seoane para facela patrimonio público, visitábel e accesíbel ao pobo coruñés.

Bravo denuncia o abandono ao que o Goberno municipal ten sometida a Fundación Luís Seoane