O BNG e Velaluz denuncian os graves retrocesos en igualdade polos recortes do PP

O BNG e Velaluz denuncian os graves retrocesos en igualdade polos recortes do PP

A Coruña, 12 de setembro de 2012.- Esta mañá o concelleiro do BNG Xan Caxigal e a responsábel de Acción Feminista do BNG da Coruña, Vitoria Louro, reuníronse con responsábeis de Velaluz, asociación contra a violencia de xénero, nun encontro en que acordaron reclamar máis medios e máis recursos na loita contra esta lacra e a prol da igualdade, dados os recortes que o PP aplica no Concello da Coruña, na Xunta de Galiza e no Estado.

Caxigal esixiulle ao Goberno do Sr. Negreira "un verdadeiro compromiso contra a violencia de xénero e para impulsar a igualdade". "Non é de recibo que o Goberno local diga que se está pola igualdade cando está destruíndo as medidas municipais que a impulsaban", sinalou.

O concelleiro do BNG advertiu de que coa chegada do PP ao Concello da Coruña "estase a experimentar un grave retroceso en materia de igualdade". Citou o desmantelamento da Concellaría de Igualdade, a supresión de partidas como o Plan de Emprego para as mulleres (que pasou de recibir 62.695 euros a non recibir céntimo ningún), os Programas Sociais de Igualdade (que pasaron de 360.000 a 0 euros) ou a partida para actividades culturais (de 82.000 a 0 euros). Tamén denunciou que o Goberno do Sr. Negreira deixou sen executar do orzamento municipal de 2011 un total de 265.129 euros en promoción de emprego e de autonomía da muller.

"O Goberno local non pode prescindir das políticas dirixidas á loita contra a desigualdade baixo a recorrida escusa da austeridade, porque a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade de calquera goberno, tamén do Concello da Coruña", expresou.

Por último, Caxigou fixo alusión a unha moción presentada polo BNG no Pleno ordinario de novembro na que, outros asuntos, se reclamaba que o Goberno local fixer unha planificación para a realización de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero, que se realizase a formación das e dos profesionais implicados na atención e tratamento das vítimas e que se garantise o dereito á atención psicolóxica. "E ao Goberno do Sr. Negreira non lle tremeu a voz cando nola botou abaixo", criticou.

O BNG esixe a aplicación da lei para evitar a indefensión á que están sometidas as mulleres, nomeadamente as vítimas da violencia machista

A continuación, a responsábel de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, incidiu na indefensión a que están sometidas as mulleres en xeral, e as vítimas da violencia machista en particular, por parte do Goberno municipal, do galego e do central, "que terían que ser as que velasen pola súa protección no sentido máis amplo da palabra".

Denunciou a nacionalista que "nin as mulleres que están solicitando axuda, nin as súas crianzas están recibindo o trato que dende as leis promulgadas e apoiadas por todos os grupos políticos recoñecen para a súa axuda e protección". "A burocracia que rodea todo o proceso de denuncia remata nun 60% de denuncias sobreseídas por falta de probas, e estas mulleres xunto coas súas crianzas están obrigadas a volver ao círculo da violencia da que tentan fuxir", alertou.

Neste contexto, advertiu de que o BNG esixe a aplicación da Lei 11/2007, de 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, "un texto, impulsado polo BNG desde o Goberno da Xunta de Galiza, moito máis avanzado que a lei estatal no que atinxe á protección das vítimas, e en virtude da cal calquera galega que sufra violencia ten dereito a ser protexida, for ditada ou non unha orde de protección xudicial".

Louro salientou que "de nada vale que, agora que imos vivir unha campaña electoral, as declaracións grandilocuentes en contra da violencia machista, de nada vale se as súas declaracións non van acompañadas de feitos concretos", en clara alusión ao PP. "E este compromiso precisa orzamentos para impedir que non se destrúan as actuacións que desde o BNG se tiñan desenvolvido no seu paso polo goberno da Xunta de Galiza", engadiu.

Criticou a responsábel de Acción Feminista do BNG que "o PP prefira buscar os cartos para destinalos a barcos bonitos e a festas, e para premiar as desfeitas dos promotores ou para as torturas dos animais que buscar os cartos para destinalos a igualdade".

Gloria Vázquez: "Esiximos o despedimento de Susana López Abella por baixo rendemento"

Pola súa banda, a responsábel de Velaluz, Gloria Vázquez, apuntou que os propios datos da Xunta de Galiza poñen de manifesto "a inaplicación da lei e a falta de protección a menores". Debullou as cifras e salientou que de 5.153 denuncias no noso país, só se decretaron 935 proteccións oficiais e explicou que só un 17 por cento das mulleres que sofren violencia de xénero reciben axuda económica. Neste contexto, esixiu o "despedimento" da secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza, Susana López Abella, que se nega a escoitar e a recibir esta asociación. "Pedimos o seu despedimento inmediato por baixo rendemento", destacou.

Ademais, Gloria Vázquez denunciou que "alí onde hai xulgados de violencia de xénero os resultados son peores". Puxo como exemplo, un caso recente dunha muller que recibiu unha paliza, indemnizada con só 420 euros, ou un caso que o xulgado sobreseu por non querer a vítima declarar nese momento, e isto a pesar de estaren os veciños e veciñas de testemuñas, de ter a declaración da policía e de contar cun parte médico.

Por último, desmentiu que a Xunta de Galiza protexa os menores, "non os protexe desde o momento en que mantén abertos os puntos de encontro como pateras". "Os puntos de encontro, tal e como están funcionando, son ilegais", apuntou. "E non hai que esquecer a negativa dos xulgados a protexer os nenos e nenas, que viven a violencia desde o momento en que lles pegan as súas nais", engadiu.

"A vida da muller en Galiza vale moi pouquiño", concluíu, en alusión ao desleixo e aos recortes do PP nas diversas administracións.

O BNG e Velaluz denuncian os graves retrocesos en igualdade polos recortes do PP