O BNG urxe a modificar a ordenanza para permitir a música ambiental nos bares da cidade

O BNG urxe a modificar a ordenanza para permitir a música ambiental nos bares da cidade

A Coruña, 16 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG sinala que o acoso do Goberno do Sr. Negreira aos bares da cidade, do que estes días se está a queixar a hostalaría, evidencia a necesidade de modificar, canto antes, a ordenanza medio ambiental reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións e do exercicio das actividades sometidas á licenza. As nacionalistas defenden adaptar esta ordenanza á realidade da nosa cidade, máxime cando a interpretación e a aplicación desta normativa dá pé a actuacións moi discrecionais que están a provocar a inseguridade entre moitos hosteleiros e hostaleiras. Salvagardando os dereitos da veciñanza, o Grupo Municipal do BNG propón que os bares da cidade poidan contar con música ambiental, ao igual que os estabelecementos do resto do país.

As nacionalistas consideran que é necesario modificar esta ordenanza por tres argumentos legais. En primeiro lugar, por tratarse dunha norma complexa, con 150 páxinas de estensión, redactada, nalgunhas ocasións, dun xeito que produce inseguridade na súa interpretación e aplicación. En segundo lugar, trátase que se trata dunha norma obsoleta, desfasada no tempo. E é que desde que a ordenanza foi aprobada, tanto a nivel europeo, como estatal e galego saíron novas normas para adaptárense á realidade social. E, en terceiro lugar, o BNG alude á anormalidade da ordenanza, que en termos xurídicos se denomina rara avis. Ao analizarmos todas as ordenanzas municipais decatámonos de que na maior parte das cidades se contempla a posibilidade da música ambiental nos bares.

A normativa da Coruña, insual nas cidades do Estado e de Galiza

As nacionalistas advirten do inusual da ordenanza da cidade. De algo máis de medio centenar de ordenanzas municipais das principais cidades de Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Cantabria, Catalunya, Castela A Mancha, Castela e León, Madrid, Comunitat Valenciana, Euskadi, Estremadura, A Rioxa, Murcia e mesmo de Galiza, pártese do principio de liberdade para que exista ou non exista música ambiental nos bares. No caso de optarse por poñela, deberían cumprirse, tal e como sinalan estas ordenanzas, como mínimo tres condicións: un, non superar unha cota máxima de decibelios; dous, estabelecer un control dos límites sonoros en determinadas franxas horarias mediante a instalación de sonógrafos; e tres, a identificación do lugar como espazo con música ambiental como criterio de calidade do local.

Precisamente o estabelecemento destas condicións ten como finalidade preservar o dereito da cidadanía á intimidade e ao descanso e conxugalo co dereito da hostalaría a desenvolver a súa actividade.

O BNG urxe a modificar a ordenanza para permitir a música ambiental nos bares da cidade