O BNG rexistra unha moción pedindo o centro de saúde para Santa Lucía

O BNG rexistra unha moción pedindo o centro de saúde para Santa Lucía

A Coruña, 3 de setembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG presentou hoxe unha moción para o seu debate no Pleno do luns polo cal insta ao Concello da Coruña a demandarlle á Xunta de Galiza que inclúa unha partida específica no seu orzamento de 2016 para levar a cabo as obras necesarias para o establecemento dos servizos de atención sanitaria no mercado de Santa Lucía no marco dun proxecto integral de renovación, revitalización e modernización deste mercando.

O BNG rexistrou hoxe unha moción para demandar á Xunta de Galiza as partidas necesarias nos orzamentos de 2016 para o establecemento dun centro de saúde no mercado de Santa Lucía

As nacionalistas lembran que o 15 de outubro de 2014 asinouse un protocolo de colaboración entre o Concello da Coruña, a Consellaría de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde co obxecto de establecer un programa funcional para determinar os novos usos sanitarios do Mercado de Santa Lucía na Coruña. Segundo se fixo público, a intención deste protocolo era estudar a viabilidade de establecer novos usos sanitarios neste recinto para atender as necesidades de atención sanitaria de 7.000 veciños e veciñas da zona, no marco dun proxecto de renovación e modernización do mercado e de aproveitamento dos espazos infrautilizados.

Desde outubro do ano pasado hai un protocolo de colaboración entre o Concello e Xunta que marcaba prazos para o establecemento de usos sanitarios no mercado durante o 2015

Asemade, sinala o Grupo Municipal do BNG, no acto de sinatura do protocolo avanzouse por parte das administracions asinantes que xa existía un calendario de traballo que contemplaba que antes de fin de 2014 estivese realizado o programa funcional, para contar co proxecto construtivo no primeiro trimestre de 2015 e iniciar as obras no último trimestre do presente ano. Porén, e xa situados no último cuadrimestre do ano 2015, non temos noticia algunha de que a Consellaría de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde teña en mente o cumprimento do protocolo asinado pola Xunta de Galiza e o Concello da Coruña para a construción desa instalación sanitaria.

As praceiras e praceiros iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas a mediados do mes pasado

Por riba, a mediados do mes de agosto de 2015, as e os praceiros iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas “Polo establecemento de Servizos Sanitarios no Mercado de Santa Lucía” na que se solicita literalmente “Que a Xunta de Galiza inclúa unha partida específica no seu orzamento de 2016 para levar a cabo as obras necesarias para o establecemento dos servizos de atención sanitaria no mercado de Santa Lucía no marco dun proxecto integral de renovación, revitalización e modernización deste mercando, garantindo a continuidade do seu funcionamento e a actividade das súas e dos seus praceiros”, campaña que o BNG xa apoiou publicamente.

O BNG tamén solicita o cambio dos usos dotacionais actuais de ´Abastecemento´ a un uso mixto de ´Abastecemento e Sanitario´

O BNG solicita, tamén na mesma moción, iniciar os trámites necesarios para acordar a mudanza dos usos da parcela onde está situado o mercado de Santa Lucía, actualmente cualificada como “Equipamento público” destinada a uso dotacional para “Abastecemento”, para destinala a uso mixto para “Abastecemento” e “Sanitario”, tramite necesario para poder formalizar o comezo das obras e poder habilitar os espazos necesarios para o uso sanitario.

Premendo aquí podes descargar a folla de sinaturas facilitada pol@s propi@s praceir@s.

O BNG rexistra unha moción pedindo o centro de saúde para Santa Lucía