O BNG rexeita a antena de telefonía que o Goberno local permite instalar nos Rosais

O BNG rexeita a antena de telefonía que o Goberno local permite instalar nos Rosais

A Coruña, 2 de setembro de 2012.- O concelleiro Xan Caxigal amosa o apoio do Grupo Municipal do BNG ás demandas dos veciños e veciñas dos Rosais, que rexeitan, ao igual que os nacionalistas, a instalación dunha antena de telefonía móbil no centro comercial. Foi a semana pasada cando o BOP publicou o anuncio da instalación de dúas novas estacións de telefonía na cidade, unha nos Rosais e outra en Palavea, o que levou á preocupación da cidadanía. Malia que no caso dos Rosais a instalación da antena recibiu informes negativos dos técnicos municipais, o Goberno do Sr. Negreira admitiulle a Vodafone o recurso de reposición presentado e deu luz verde a esta nova estación de telefonía.

O concelleiro do BNG alerta de que esta antena vai ser instalada nun inmoble que xa ten bases de telefonía semellantes e están próximas ao CEIP Emilia Pardo Bazán e ás Calasancias e á residencia de maiores. Sinala, ademais, que o edificio sobre o que se pretende instalar a antena de Vodafone non reúne as condicións de altura que a ordenanza municipal de Telecomunicacións estabelece (planta baixa e seis plantas). Explica tamén que na contorna do edificio en cuestión existen inmobles de maior altura que o centro comercial e que moitos deles xa posúen instalación de telefonía; polo que, entende Caxigal, debera darse un uso compartido, tal e como estabelece a norma municipal.

O BNG insiste en reclamar a paralización da concesión de licenzas para antenas de telefonía

Neste contexto, Caxigal solicítalle ao Goberno local a paralización da concesión de licenzas para a instalación de bases de telefonía móbil, mentres non se adapte a ordenanza municipal á sentenza do Tribunal Supremo, de 24 de abril de 2012, que declara nulas cláusulas da ordenanza municipal, deixándoa, practicamente, sen contido. Ademais, o nacionalistas aposta por que o visto e prace ás antenas atenda á limitación da implantación en zonas sensíbeis, ben pola súa densidade de poboación, ben pola proximidade de centros de ensino, centros sanitarios, residencias para persoas maiores, parques, ou áreas semellantes. E é que o Concello ten competencias para estabelecer estas medidas de seguridade a zonas sensíbeis.

O concelleiro do BNG, que critica a axilidade coa que o Goberno do Sr. Negreira cede ante os intereses das operadoras de telefonía e en contra dos habitantes das zonas prexudicadas, lémbralle aos veciños e veciñas dos Rosais e de Palavea que dispoñen até o día 10 de setembro para rexistraren as alegacións á instalación destas antes de telefonía.

O BNG rexeita a antena de telefonía que o Goberno local permite instalar nos Rosais