O BNG propón medidas provisionais para solucionar os atascos da avenida do Porto

Atasco na avenida do Porto que chega ate o túnel da Mariña
O BNG propón medidas provisionais para solucionar os atascos da avenida do Porto

A Coruña, 30 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou varias preguntas relativas á nova situación do tráfico na contorna do Obelisco tras a apertura definitiva de todos os tramos viarios do túnel da Mariña e o peche á circulación xeral na súa superficie.

O BNG pregúntalle ao Goberno municipal se estudou a posibilidade de  cambiar provisionalmente a dirección do tráfico da avenida dos Xardíns de Méndez Núñez para evitar os atascos na avenida do Porto

A nacionalistas indican na súa iniciativa que é evidente que se produciu un cambio drástico nos fluxos de circulación na Praza de Ourense, Cantóns, avenida do Porto, rúa Nova, rúa Alta, paseo do Parrote, praza das Atochas, campo da Leña e rúa Orillamar.

Na súa iniciativa as nacionalistas denuncian os continuos atascos que se producen na avenida do Porto en dirección praza de Ourense que chegan a provocar retencións de até 45 minutos

Atasco na avenida do Porto que chega ate o túnel da Mariña

“Neste sentido, parece que existe un consenso xeral en destacar a recuperación da contorna do espazo do Obelisco para os peóns e para un modelo de mobilidade distinto, no que se recuperen espazos verdes, de  esparcemento e de ocio, máis pensados para as persoas que para os vehículos. Mesmo o concelleiro de mobilidade sostíbel fixo público en distintas entrevistas e informacións que se están estudando distintas posibilidades para a reordenación do tráfico na zona e que técnicos municipais están preparando reaxustes nos tempos dos semáforos, reubicación de tráfico etc”, sinalan as nacionalistas.

Mais o Grupo Municipal do BNG indica que ten recibido queixas da veciñanza a respecto das continuas retencións que se producen na avenida do Porto en sentido praza de Ourense, a distintas horas do día e en varios días á semana, dos que mesmo varios medios de comunicación teñen recollido informacións.

O BNG sinala que esta medida sería provisional mentres non se apliquen a adaptación desta zona para recuperala para uso peonís e espazos verdes

Vista desde a avda. do Porto da avda. Xardíns Méndez Núñez, chamada tamén "Entrexardins"

Deste xeito, o Bloque argumenta que mentres ese proxecto de recuperación de espazos e de reordenación do tráfico na contorna dos Cantóns e do Obelisco non se elabora, non é consensúado coa veciñanza e entidades sociais, e finalmente non se aplica, na actualidade existe un problema puntual derivado deses novos fluxos de circulación, que dá lugar a retencións provocadas polo tráfico de saída desde o barrio de Monte Alto que se encamiña polo túnel da Mariña a través do campo da Leña, praza das Atochas e rúa Orillamar e o tráfico desde o paseo marítimo na contorna do castelo de Santo Antón e que con anterioridade parte era canalizado pola avenida de Montoto e a avenida da Mariña.

Segundo as nacionalistas, estas retencións teñen chagado a crear filas de coches nos dous carrís do mesmo sentido da avenida do Porto que van dar á praza de Ourense desde a boca de saída do túnel, e incluso ao interior do mesmo, provocando esperas de até tres cuartos de hora para poder completar ese tramo de apenas catrocentos metros.

“E por iso que lle preguntamos ao Goberno municipal se ten estudado a posibilidade, de maneira provisional, e co obxecto de dar solución puntual a estas retencións, cambiar o sentido da circulación da avenida dos Xardíns de Méndez Núñez para facilitar a incorporación aos Cantóns co obxecto de desconxestionar o tráfico de saída do barrio de Monte Alto e se ten estudado esta posibilidade, se vai aplicar o cambio de sentido á avenida dos xardíns de Méndez Núñez e cando vai facelo. Por último, se non a ten estudado esta posibilidade, por que non o fixo, e se non se vai aplicar un cambio de sentido para este tramo viario, se pode explicar o por que” conclúe a concelleira nacionalista Avia Veira.

 

Achégase a iniciativa presentada.

O BNG propón medidas provisionais para solucionar os atascos da avenida do Porto