O BNG pregúntase como vai introducir o Goberno as observacións da cidadanía no PMUS

O BNG pregúntase como vai introducir o Goberno as observacións da cidadanía no PMUS

busesA Coruña, 1 de abril de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, que tivo acceso hoxe ao Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel porque o Goberno Municipal “tivo a ben” colgalo na súa web máis dun mes despois da súa presentación pública o 26 de febreiro de 2014, pregúntase que mecanismos habilitará o Goberno Municipal para introducir as observacións da cidadanía no PMUS.

O BNG da Coruña considera que o formulario que habilita a Concellaría de Mobilidade na web do PMUS para facer as observacións oportunas do Plan non é máis que resultado da “hipocrisía” do Partido Popular que non cre nunha verdadeira participación cidadá na elaboración do Plan de Mobilidade.

A concelleira de mobilidade, Begoña Freire, recoñeceu, na presentación do PMUS, que non habería unha revisión periódica do Plan para introducir as observacións da cidadanía nin novas propostas a ese “documento vivo”

As nacionalistas advirten de que a concelleira Begoña Freire na presentación do PMUS aos grupos da oposición recoñeceu, ante as preguntas das edís do BNG, que non se revisaría o Plan periodicamente para introducir as observacións nin as novas propostas ou suxestións da cidadanía a un documento que o Goberno municipal se chufa en calificar como “vivo” e que non pensaran en habilitar ningún mecanismo para introducir esas achegas da cidadanía.

O Goberno municipal, alén de tardar máis dun mes desde a súa presentación pública, subiu hoxe á web o PMUS incompleto

O Grupo Municipal do BNG considera que o Plan de Mobilidade tiña que estar colgado na web no momento da súa presentación pública e que non había razón ningunha para que as coruñesas e os coruñeses non puidesen coñecer o PMUS con anterioridade.

Por outra banda, as nacionalistas que onte tiveron acceso ao expediente do Plan de Mobilidade, critican que o documento que hoxe foi subido á web está incompleto e que restaría por incluír a parte denominada “Xustificación socioeconómica e ambiental” onde se recollería a programación e o orzamento das actuacións e a parte que inclúe os indicadores de seguimento do Plan.

O BNG pregúntase como vai introducir o Goberno as observacións da cidadanía no PMUS