O BNG pregúntase polo misterio do Plan de Mobilidade da Agra do Orzán

O BNG pregúntase polo misterio do Plan de Mobilidade da Agra do Orzán

A Coruña, 18 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG pregúntase que é do misterioso Plan de Mobilidade da Agra do Orzán (enmarcado no Urbana C) en que se fundamenta o concurso municipal convocado no día de onte para contratar a instalación de paneis informativos sobre os aparcadoiros subterráneos do barrio. As bases deste concurso poñen de manifesto que “esta actuación derívase das medidas que foron formuladas no Plan de Mobilidade Urbana C” cando este plan aínda non foi publicado. De feito, o Goberno do PP non fornece información deste plan nin na web do Urbana C nin na web do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS).

Non é a primeira vez que o BNG denuncia o escuratismo do Goberno do Sr. Negreira sobre este plan, que lle foi adxudicado á UTE Iceacsa Consultores, SLU-Desarrollo, Organización y Movilidad, S.A. en setembro de 2013 por un importe de 52.272 euros. En febreiro, cando o Sr. Flores anunciaba diante da prensa seis medidas para o Plan de Mobilidade da Agra, o BNG xa criticara que aínda non se fixese público o documento. En abril as nacionalistas reiteraban a crítica e denunciaban que as únicas medidas recollidas no PMUS en relación á Agra do Orzán eran a inclusión deste barrio no Plan de Acción contra o ruído como unha zona altamente afectada e a instalación de tres bases novas de Bicicoruña (no Ágora, no parque da Agra, que aínda non existe, e na praza Mosteiro de Cines).

 

O BNG pregúntase polo misterio do Plan de Mobilidade da Agra do Orzán