O BNG pregunta que vai acontecer co servizo prestado por unha concesionara en concurso de acredores

O BNG pregunta que vai acontecer co servizo prestado por unha concesionara en concurso de acredores

A Coruña, 23 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG presentou na mañá de hoxe unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de saber se a concesionaria do servizo de asistencia técnica para intervencións e control técnico en dependencias municipais, Enmacosa S.A, vai poder facerlle fronte ao cumprimento do contrato, que ascende a 1,59 millóns. A situación económica da empresa levou o Xulgado do Mercantil nº2 de Pontevedra a aprobar o 28 de outubro de 2014 a entrada da compañía en concurso de acredores e a aprobar un ERE de extinción que, segundo os medios de comunicación, implicaría o peche das delegacións que a empresa posúe en Madrid e na Coruña, coa baixa de máis de medio cento de traballadores dos 101 que forman parte do cadro de persoal.

As nacionalistas, que foran moi críticas coa externalización deste servizo que podía prestar o funcionariado municipal, sinalan que a 20 de novembro de 2013, o Goberno do Sr. Negreira adxudicoulle a contratación do servizo de asistencia técnica para intervencións e control técnico en dependencias municipais a Enmacosa, S.A., por 1.591.210,50 euros. Na resolución de 20 de novembro de 2013, o Goberno local acordou desglosar o gasto do seguinte xeito: 100.833,33 euros nos orzamentos de 2013, 1.119.310,50 euros nos orzamentos de 2014 e 371.066,67 euros no exercicio de 2015. Tendo en conta que a duración do contrato é de dous anos prorrogábeis antes da súa finalización por mutuo acordo do Concello e do contratista de xeito anual por dous anos máis até un máximo de catro anos, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira que vai acontecer coa prestación deste servizo e se ten previsto prestalo desde os servizos municipais.

O BNG denuncia a vaga externalizadora do Goberno do Sr. Negreira

O Grupo Municipal do BNG volve denunciar a vaga externalizadora do Goberno do Sr. Negreira, que até ten encargado a redacción de ordenanzas municipais a empresas de fóra do Concello, previo pago de substanciosas cantidades con cartos públicos. Así, as nacionalistas insisten en acusar o Goberno do Sr. Negreira de malgastar cartos públicos para encargarlle tarefas e servizos que podería facer o persoal técnico e cualificado a empresas privadas e acúsano, tamén, de descapitalizar as arcas públicas, dado que é máis custoso que servizos como o da intervención e control técnico en dependencias municipais sexan prestados por unha empresa privada que polo propio persoal municipal.

O BNG pregunta que vai acontecer co servizo prestado por unha concesionara en concurso de acredores