O BNG pide facilitar o acceso a pisos e a tutela xudicial ás vítimas da violencia de xénero

O BNG pide facilitar o acceso a pisos e a tutela xudicial ás vítimas da violencia de xénero

A Coruña, 3 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno ordinario de novembro unha moción contra a violencia machista, a manifestación máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que aínda persiste na sociedade. A concelleira María Xosé Bravo sinala que “estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento de servizos públicos está a empobrecer de xeito especial as mulleres e está a afectar a nosa vulnerabilidade ante a violencia de xénero”. Así, salienta que a dependencia económica é o maior dos obstáculos para as vítimas. “Estamos a sufrir recortes en programas imprescindíbeis para apoiar as mulleres que dan o paso: o salario da liberdade chegou no 2010 a 369 mulleres, mentres que no 2011 chegou a 251”, di Bravo.

Na liña dos recortes, a edila nacionalista advirte de que o programa aluga, do que tamén son beneficiarias vítimas desta lacra, sofre atrasos de até 18 meses e indica que moitas destas vítimas, e as súas crianzas, atópanse con grandes carencias en roupa, véndose obrigadas a recorrer a unha beneficencia que baixan a súa autoestima e prexudican a recuperación.

Grandes prexudicadas do encarecemento das taxas xudiciais

Bravo tamén expón que a suba de taxas xudiciais influirá na decisión de interpoñer unha denuncia. Lembra que en Galiza, desde o 2009, reducíronse cada ano as denuncian, pasando de 6.068 no 2009 a 5.153 no 2011. Engade que o acompañamento das mulleres para accederen aos recursos e nos procesos xudiciais é a garantía de seguridade para elas e pode evitar que o medo e a presión as faga volver co maltratador. Porén, os recortes tamén afectan ás persoas que desenvolven estas funcións.

Ademais, a nacionalista fai fincapé na derrogación da lei do aborto, un retroceso democrático que atenta contra unha demanda de décadas. Bravo sinala que non razóns sanitarias nin sociais para acabar coa normal que regula o aborto, alén das demandas de grupos radicais conservadores e da xerarquía católica.

A concelleira do BNG indica tamén que seguen sen desenvolverse as medidas previstas na Lei 11/2007 relativas á implicación do Sergas na detección, prevención e asistencia ás vítimas. Critica que non se realice na rede pública a atención psicolóxica das mulleres e das crianzas e pon de manifesto que os concellos deben manter e mellorar as actuacións contra a violencia de xénero.

O BNG reclama facilitar o acceso á vivenda en réxime de aluguer

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG solicitará en Pleno que a Corporación da Coruña asuma o compromiso de manter e mellorar os recursos municipais de información, acompañamento e asistencia ás vítimas, para o que porá en marcha os medios necesarios para facilitar o acceso á vivenda en réxime de aluguer, inspeccionará o Punto de Encontro Familiar da Coruña, debido aos incumprimentos da normativa, e asinará acordos con empresas onde se ofrezan a través de cheques para a compra de roupa a posibilidade de fomentarlles ás vítimas e as súas crianzas unha vida normal.

O BNG tamén pide na moción mellorar a dotación orzamentaria e facilitar o acceso ás axudas económicas a vítimas de violencia de xénero, desenvolver, tal e como sinala a Lei 11/2007, a atención psicolóxica a mulleres e crianzas na rede sanitaria pública, dotándoa dos medios materiais e humanos precisos e garantir a tutela xudicial das vítimas, evitando a disuasión económica das taxas xudiciais.

Por último, o Grupo Municipal do BNG reclama que o Concello se comprometa a defender os dereitos das mulleres e a manifestarse contra a derrogación da lei do aborto, que garante para as mulleres a libre decisión sobre a súa maternidade.

 

 

O BNG pide facilitar o acceso a pisos e a tutela xudicial ás vítimas da violencia de xénero