O BNG levará un rogo ao vindeiro Pleno para que o Goberno reciba a AVV de Oza-A Gaiteira-Os Castros

O BNG levará un rogo ao vindeiro Pleno para que o Goberno reciba a AVV de Oza-A Gaiteira-Os Castros

A Coruña 15 de marzo.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego levará ao vindeiro pleno de abril un rogo solicitándolle ao Goberno Municipal que se xunte coa Asociación de Veciños e Veciñas de Oza-A Gaiteira-Os Castros, entidade á que tamén pertencen comerciantes da rúa da Merced, para lle transmitir as necesidades e reivindicacións dos comerciantes desta rúa así como doutras necesidades do barrio.

A AVV de Oza-A Gaiteira-Os Castros demanda que o Goberno a reciba para lle transmitir as necesidades dos comerciantes da rúa Merced

María Xosé Bravo fala co presidente da AVV Oza-A Gaiteira-Os Castros

E é que o pasado xoves a concelleira nacionalista María Xosé Bravo mantivo un encontro coa entidade veciñal no cal a asociación expúxolle que o Goberno Municipal non resposta ás súas continuas e reiteradas peticións de entrevistas para falar de temas importantes que atinxen ao barrio. Entre estes temas sinalaron o da mobilidade, xa que descoñecen se as achegas e peticións que esta entidade leva facendo sobre mobilidade nos últimos anos, entre as que se encontra a necesidade de que o bus urbano pase pola rúa da Merced como acontecía antes, son recollidas no Plano de Mobilidade Urbana Sustentábel despois de que pasaran xa máis de quince días da súa presentación no Ágora.

As veciñas e veciños trasladáronnos o abandono do barrio e a falta de diálogo por parte do Goberno Municipal

A veciñanza sinaloulle á nacionalista que o escurantismo, a falta de diálogo e o desprezo co movemento asociativo por parte do Goberno Municipal fai que se tomen decisións unilaterais que prexudican gravemente a veciñanza como a mala planificación do percorrido de buses urbanos, rúas ás que se lle cambia a dirección, etc, ou que nin sequera resposte os escritos que presentan para acometer melloras no barrio e non se escoiten as queixas e as necesidades das veciñas e veciños do barrio como os índices de contaminación do ar destes días coas descargas no porto e tras o remate das choivas, a mellora da accesibilidade, a falta de contedores de vidro e papel, a situación dos baños públicos do parque de San Diego, o descontento da hostalaría da Gaiteira, as construcións ruinosas e os soares abandonados, os cales poderían ser reutilizados como espazos para goce da veciñanza ou leiras urbanas…

A concelleira nacionalista transmitiulles á veciñanza de que continuarán levando a Pleno e denunciando a actitude sectaria do Goberno Municipal respecto das entidades veciñais e a discriminación, abandono e deterioro que sofren os barrios en detrimento dun centro, como a zona da Mariña e do Parrote, no que o Goberno local ten centrado o seu investimento.

O BNG levará un rogo ao vindeiro Pleno para que o Goberno reciba a AVV de Oza-A Gaiteira-Os Castros