O BNG levará ao pleno unha moción para evitar o micro golpe de estado que pretende o PP

O BNG levará ao pleno unha moción para evitar o micro golpe de estado que pretende o PP

A Coruña, 3 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG levará para o pleno do vindeiro luns unha moción para evitar o micro golpe de Estado que pretende o Goberno español do Partido Popular coa súa reforma electoral.

Pola defensa da pluralidade e a participación política e contra a reforma electoral que pretende o Partido Popular, o BNG solicitaralle ao Pleno a adopción dun acordo no que se inste o Goberno Galego a que manifeste a súa rotunda oposición á proposta de reforma da lexislación electoral formulada polo Goberno do Estado que ten como finalidade que ostente a alcaldía a lista que resulte máis votada, reforzando deste xeito a concentración do poder municipal en órganos unipersoais e vulnerando a expresión do pluralismo político da cidadanía e a súa capacidade de participación e control da xestión pública municipal.

Ademais, o BNG solicita que o concello se dirixa o Goberno Galego para que inste ao Goberno español a unha modificación do sistema electoral que favoreza unha mellor expresión nos órganos de representación da pluralidade política da cidadanía e unha maior participación no impulso e decisión das políticas públicas, introducindo medidas tales como incluír como circunscricións electorais únicas as actuais comunidades autónomas, agás no caso de eleccións municipais; eliminación da regra de D´Hondt da fórmula de asignación da representación nos órganos e substituíndoa por outra que garanta un resultado máis proporcional á vontade expresada pola cidadanía; eliminación do limiar mínimo para acceder á repartición de representación; e regulación da capacidade de convocatoria de referendos a todas as administracións en asuntos do seu interese, fixando un catálogo de asuntos que deben ser obxecto de consulta obrigatoria antes de adoptar unha decisión (especialmente aqueles vinculados coa xestión dos servizos públicos), así como un procedemento para que un determinado número de persoas poida esixir a convocatoria de referendos con carácter vinculante para os poderes públicos.

As nacionalistas expoñen na súa moción que os obxectivos deste micro golpe de Estado do Goberno español do Partido Popular son os de se asegurar con maior facilidade acadar a maioría absoluta e reducir a pluralidade política que a cidadanía expresa a través das urnas. Esta reforma, sinala o BNG, para alén de constituír un intento do Partido Popular de concentrar nas súas mans o maior número de alcaldías, supón, na práctica, unha reforma que incide na concentración de poder nas mans de alcaldes e alcaldesas, privando ao pleno, aos órganos colexiados e, por tanto, á cidadanía de capacidade de control da actuación municipal. De feito, todos os informes especializados e os organismos internacionais sinalan que un dos principais elementos para combater a corrupción é a maior participación política e a pluralidade fronte á concentración do poder. Velaí as verdadeiras medidas anticorrupción que o PP non quere aplicar.

O BNG sinala na súa exposición de motivos que estamos ante unha tentativa de lexitimación de concesión dun poder absoluto a órganos unipersoais, que reforzan o presidencialismo e restan pluralidade. Téntase que os gobernos locais non reflictan a pluralidade política e social existente, senón que unha parte poida gobernar ao seu antollo, a través dun/unha alcalde/esa que goberne aínda que o seu apoio popular nas urnas sexa minoritario.

Para o BNG estase ante unha proposta profundamente antidemocrática e contraria ao interese do conxunto da sociedade, que continuamente está expresando a súa demanda de exercer unha maior participación, control e transparencia das institucións. Mais tamén xulga que os contidos que o PP está a manifestar publicamente que configurarían a proposta de reforma electoral son contrarios á configuración institucional e de representación política consagrada no actual ordenamento xurídico.

O BNG levará ao pleno unha moción para evitar o micro golpe de estado que pretende o PP