O BNG leva a Pleno unha moción contra a venda de Novagaliciabanco e para unha banca pública galega

O BNG leva a Pleno unha moción contra a venda de Novagaliciabanco e para unha banca pública galega

A Coruña, 2 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG defenderá mañá en Pleno unha moción contra a venda de NovaGaliciaBanco e para a creación dunha banca pública galega, co obxectivo de que Galiza, e polo tanto os coruñeses e coruñesas, poidan ter un sistema financeiro de seu e poidan ter acceso ao crédito as pemes, os sectores produtivos e as familias. Tamén propón o BNG que se garantan os postos de traballo da entidade galego e que o Concello da Coruña se opoña ao peche de oficinas, co fin de asegurar unha adecuada atención á clientela.

Ademais, os nacionalistas esixen na moción esclarecer as responsabilidades na fraudulenta xestión que propiciou a actual situación de NovaGaliciaBanco e unha solución para as milleiros de persoas afectadas pola fraude das preferentes. Así, o BNG propón que se lles permita recuperar a cantidade íntegra dos seus aforros.

“O Estado liquida NovaGaliciaBanco e salva a Bankia”

O Grupo Municipal do BNG oponse, de fronte, á venda de NovaGaliciaBanco dentro das medidas impostas pola UE para concederlle a España o chamado “rescate aos bancos”. Neste contexto, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, denuncia que as condicións impostas non son iguais para todos, porque, mentres que o Estado obriga a que se liquide NovaGaliciaBanco, salva a Bankia, que segue como entidade bancaria.

Carril advirte tamén do duro e salvaxe proceso de reestruturación que incluirá o cadro de persoal, coa perda masiva de empregos, e o peche de oficinas de a cambio do rescate bancario da UE ao Estado español. Por esta situación, sinala o nacionalista, faise necesaria, máis que nunca, a creación dunha banca pública galega que asegure o crédito que o tecido produtivo e social precisa. A este respecto, lembra quea banca pública é un instrumento plenamente vixente, que existe nunha gran variedade de países, como en 32 países europeos ou nos Estados Unidos, e vén desempeñando un papel fundamental en defensa do desenvolvemento e da estabilidade económica dos mesmos. “Alí onde existe a banca pública existe un forte tecido industrial”, salienta.

Non esquece Carril as persoas afectadas polas prácticas fraudulentas do sistema financeiro, aquelas que investiron os seus aforros en participacións preferentes. “Estes aforradores e aforradoras vense agora imposibilitados de recuperar os cartos investidos”, sinala. De aí que o BNG vexa preciso demandar das institucións públicas responsábeis unha solución inmediata para estas persoas afectadas.

O BNG leva a Pleno unha moción contra a venda de Novagaliciabanco e para unha banca pública galega