O BNG leva ao Congreso a prohibición da policía a entrar con bandeiras da Patria a campos de fútbol

O BNG leva ao Congreso a prohibición da policía a entrar con bandeiras da Patria a campos de fútbol

A Coruña, 15 de maio de 2013.- O BNG vén de levar ao Congreso dos Deputados a prohibición, por parte da policía nacional, a afeccionados do Depor de entrar nos estadios con bandeiras da Patria, unha iniciativa que xorde despois de que o pasado sábado, en Zorrilla, cando se xogaba o Valladolid-Deportivo, se lles negara a entrada ao campo a varios afeccionados galegos por levar bandeiras nacionalistas.

A deputada do BNG Rosana Pérez denuncia que axentes da policía requisaron as bandeiras da Patria e realizaron advertencias aos afeccionados de que non podían entrar no estadio coa simboloxía nacionalista galega, “unha actitude policial prohibicionista que non resulta comprensíbel”. “Trátase dun celo excesibo por parte das forzas de seguridade do Estado que destila un sesgo ideolóxico, xa que descoñecíamos que o uso de símbolos galegos nacionalistas supuxer un problema de orde pública ou unha cuestión de seguridade”, sinala. “Teremos que preguntarnos por que non acontece o mesmo coa bandeira de España que se pode ver despregada en moito estadios”, engade.

A nacionalista alude na iniciativa ao caso dun afeccionado galego ao que se lle impediu a entrada por portar a bandeira da Patria. Ante a súa negativa a entregar a bandeira, apunta, invitárono a marchar. De feito, ficou retirdo durante media hora e, na acta policial, exponse que: “El funcionario actuante requiere al denunciado para que deposite en el control de entrada una bandera independentista que lleva atada a la cintura. Al negarse, el funcionario actuante procede a hacer que abandone el estadio”.

“Á vista da acta policial, parece claro que as forzas de seguridade do Estado tratan os afeccionados que acoden aos estadios con bandeiras nacionalistas como un problema de seguridade ou de alteración da orde pública”, pon de manifesto a deputada do BNG. Rosana Pérez refírese a outros casos como o descrito noutros partidos de fútbol ou de baloncesto. “Sabemos de afeccionados do Depor, do Obradoiro e do Celta aos que se lles requisan as bandeiras, aos que se lles acosa ou aos que se lles ameaza con sancións”, afirma.

Así, a deputada nacionalista salienta que “non é a primeira vez que afeccionados galegos sofren este tipo de censuras que leva a prohibirlles o uso de simboloxía totalmente legal e democrática.

No mesmo partido desputado en Zorrilla había bandeiras de España

Neste contexto, Rosana Pérez pregúntalle ao Goberno central a que se debe a actitude da policía no partido Valladolid-Deportivo e a que se deben estas prohibicións con bandeiras totalmente democráticas e constitucionais. Pregunta, tamén, se é consciente o Ministerio do Interior de que neste mesmo partido disputado en Zorrilla había bandeiras de España.

Ademais, a deputada do BNG quere saber en que se basa o Ministerio do Interior para prohibir a entrada a afeccionados galegos coa bandeira nacionalista, se realmente cre que altera a orde pública e se supón unha ameaza para a seguridade. Tamén pregunta por que motivo a policía ameaza con sancións.

O BNG leva ao Congreso a prohibición da policía a entrar con bandeiras da Patria a campos de fútbol