O BNG lembra a Moncho Valcarce reivindicando a vixencia da súa loita xunto ás clases populares

Momento da intervención de Suso Seixo
O BNG lembra a Moncho Valcarce reivindicando a vixencia da súa loita xunto ás clases populares

A Coruña, 30 de xaneiro de 2016.- O BNG celebrou hoxe a tradicional homenaxe a Moncho Valcarce, coñecido como o crego das Encrobas pola súa activa participación na defensa das labregas e labregos desta parroquia de Cerceda.

Coma todos os anos, diante da súa tumba no Camposanto de Santo Amaro, compañeiros, militancia, cargos orgánicos e varias concelleiras e concelleiros dos distintos grupos municipais do BNG da comarca, lembraron a figura de Moncho Valcarce, nun acto no que interveu, desta volta, Suso Seixo, Secretario Xeral da CIG.

Suso Seixo: “A figura de Moncho Valcarce ten que ser un exemplo de que temos que seguir facendo nacionalismo”

Momento da intervención de Suso Seixo

Na súa intervención, o Secretario Xeral da CIG lembrou a figura contestataria do crego e como o contacto co pobo, coas clases explotadas, foi o que lle levou a manter unha posición firme de defensa dos dereitos e da calidade de vida das labregas e labregos e do entorno no que el desenvolvía o seu labor. “Moncho Valcarce tivo clara a necesidade de responder ante as políticas caciquís, ante as políticas promovidas no noso país polos monopolios enerxéticos e que atentaban contra o traballo das labregas e labregos”, indicou Suso Seixo.

Seixo tamén subliñou que se na actualidade Galiza é un suxeito político de seu e as súas clases traballadoras e as súas reivindicacións e os seus dereitos seguen vivos, é porque existiron, no seu momento, persoas como Moncho Valcalce e porque existiron forzas propias, que tiveron clara unha conciencia nacionalista, e que non lles tremeu a man á hora de defender a autorganización e o dereito a decidir e o dereito a autodeterminación.

Finado no 1993 aos 57 anos de idade, este crego, que sempre apoiou as clases populares, impulsou a loita nas Encrobas, a causa en Xove, nas Enchousas e en Baldaio. Foi tamén salientábel o seu labor en rexeitamento á cota empresarial. É por iso que foi obxecto de malos tratos, detencións, sancións e mesmo da marxinación eclesiástica.

O BNG lembra a Moncho Valcarce reivindicando a vixencia da súa loita xunto ás clases populares